Site icon Crónica3.com A Mariña

“O candidato do PP debería prometer menos e pedirlles aos seus compañeiros da Xunta que cumpran coa VAC, co saneamento da ría e co Conservatorio”

Viveiro, 15 de maio de 2019.- A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, subliñou este mércores que “o candidato do PP debería prometer menos e pedirlles aos seus compañeiros na Xunta de Galicia que cumpran cos veciños de Viveiro, pois aínda estamos esperando pola VAC e o saneamento da ría. Parécenos ben que faga propostas que poidan mellorar o Concello, pero antes temos unhas prioridades que o Partido Popular non está atendendo. Porque nada se sabe do proxecto da Vía de Alta Capacidade da Costa Norte. Tamén se comprometeron a que a ría estaría saneada este ano e agora nos din que temos que agardar ata o 2021. O PP non fai nada por Viveiro e teñen a pouca vergonza de seguir intentando enganar aos veciños. Levamos 4 anos de mentiras nas que non trouxeron nin un só investimento e agora aseguran que farán mil cousas. A credibilidade do PP en Viveiro e na Mariña é nula, e os feitos o demostran”.

A Xunta non colabora para que o Conservatorio siga aberto
María Loureiro denunciou que o Partido Popular na Xunta de Galicia non colaborou co Concello de Viveiro para que o Conservatorio Profesional de Música de Viveiro siga en funcionamento. “Dende o Goberno Municipal pedímoslle ao goberno galego que nos axudara a financiar dito servizo, pois son 800.000 euros, unha cantidade moi importante, pero sempre se negou. É máis, ofreceunos a posibilidade de converter o Conservatorio en Escola de Música para rebaixar custes. Evidentemente negámonos porque para nós non é un gasto, é un investimento para unha prestación que ofrece servizo a máis de 80.000 veciños. É lamentable que tendo a Xunta as competencias en materia de educación non colabore. Pero o peor de todo e que agora, en eleccións municipais, propoñan unha colaboración a tres bandas, cando a Deputación e o Concello xa estamos destinando cartos para o Conservatorio. Os que non cumpren son eles. Unha vez máis”.

Exit mobile version