Fernández Rey dixo que “como concelleiro de Deportes quero agradecer á Fundación Indecum que conte co Concello de Burela para este Memorial. Máis aló do feito de recordar a estas tres persoas que deron a vida para intentar salvar a outro, tamén nos toca moi de cerca porque Rodrigo era de Burela, unha persoa que amaba o deporte. Eu penso que é un acto moi bonito para recordar a súa memoria”.
O edil subliñou que “máis aló da repercusión que ten a nivel deportivo o Memorial, temos que recordar que vai mover a preto de 800 cativos aquí na Mariña, salientar a repercusión económica e social que ten para a nosa comarca. Quero agradecer a participación de todos os Concellos que estamos aquí hoxe para dar o pistoletazo de saída deste Memorial. Como sempre dicimos, a colaboración entre Concellos é fundamental, non miramos ideas políticas e é un orgullo que entre todos poidamos facer que A Mariña siga medrando e memoriais como este fan que A Mariña medre”.
Pola súa banda o alcalde, Alfredo Llano, lembrou que “estamos aquí porque naceu todo como un acto de solidariedade. Na Coruña aquel día foi unha responsabilidade absoluta e un acto de enorme transcendencia dado que levaron á máxima consecuencia o compromiso que tiñan co seu traballo e co seu deber. Foi un acto de responsabilidade e de cumprimento do deber. Ese acto solidario ten que ser fundamental para que nos serva a nosoutros como guía en moitos aspectos da vida. Un acto solidario tamén trae outros actos solidarios como o deporte que agora mesmo estamos defendendo. Desde o Concello de Burela como todos os que estamos aquí defendemos o deporte como algo que xera valores que van ser fundamentais para a vida, como a solidariedade, o esforzo, o compañeirismo e o compromiso, todo aquilo que vai destinado a completar os valores das persoas”.
O rexedor subliñou que “estamos collendo dimensións extraordinarias porque van vir sobre 800 rapaces, e iso uere dicir que se están facendo as cousas ben por parte dos que estamos metidos dalgunha maneira en todo isto. É importante porque estamos transmitindo esa idea da solidariedade, do compromiso e da responsabilidade. Estamos moi contentos de que aquí imos disfrutar durante catro ou cinco días do fútbol sala nesas categorías infantís, xuvenís, etc… É importante tamén porque trae como consecuencia para Burela e para A Mariña unhas melloras económicas resultante da cantidade de xente que nos vai vir visitar. Sempre é bo que nos coñezan, que coñezan A Mariña e coñezan Burela porque iso crea un ambiente para que volvan”.
Neste 2019 A Mariña volve ser a sede única deste Memorial, que nas tres últimas edicións tamén se disputou na Coruña.