Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello ofreceu unha recepción ao Pescados Rubén FS masculino polo seu ascendo á primeira división

 Burela, 3 de maio de 2019. O Concello ofreceu este venres unha recepción ao Pescados Rubén Burela FS masculino polo seu ascenso á primeira división da Liga Nacional de Fútbol Sala. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, subliñou o que isto supón desde o punto de vista deportivo, social e turístico para Burela. O edil e o alcalde, Alfredo Llano, felicitaron ao club por este éxito e destacaron a aposta que está a realizar o patrocinador.
Fernández Rey quixo “recoñecerlle ao equipo ese feito de volver outra vez á mellor liga do mundo de fútbol sala. Para Burela non só a nivel deportivo senón a nivel social e a nivel turístico é moi importante que o Burela Fútbol Sala poida volver estar competindo aí, tanto o equipo feminino como masculino na máxima división de fútbol sala”.
O concelleiro de Deportes engadiu que “desde o Concello queremos felicitar tanto ao corpo técnico como aos xogadores como á directiva, e tamén á afección. Facer unha mención especial ao patrocinador principal do club, que é Pescados Rubén, pola aposta que está facendo por este club”.
O edil burelés salientou que “é un club exemplar en toda España tanto polo nivel competitivo como pola estrutura de club que teñen. Desde o Concello imos estar sempre intentando apoiar e axudar ao club en todo o que poida, e unha felicitación enorme para toda Burela e para todos os veciños”.
Como agasallo o equipo recibiu unha placa conmemorativa e os xogadores e o corpo técnico uns detalles personalizados.

Exit mobile version