Site icon Crónica3.com A Mariña

Os candidatos socialistas do Vicedo e Mañón unen as súas forzas para traballar conxuntamente en “proxectos estratéxicos” para a zona

 Mañón, 18 de maio de 2019.- Os Presidentes das Deputacións de Lugo e A Coruña, Darío Campos Conde e Valentín González Formoso, e os candidatos do PSOE ás alcaldías do Vicedo e Mañón, Vicente Parapar e José Carlos Vilameá, mantiveron na tarde de onte unha reunión de traballo para abordar “proxectos estratéxicos de colaboración conxunta entre ambos municipios”.

Parapar e Vilameá comprometéronse a intensificar a colaboración institucional entre ambos Concellos se teñen a responsabilidade de gobernar despois do 26 de maio e a “facer unha fronte común en defensa dos grandes temas que afectan ás dúas provincias e a todos os veciños desta comarca”, como o preocupante estado da ría do Barqueiro, en situación de morte biolóxica, ou a necesaria mellora das comunicacións ferroviarias e por estrada.

“Temos que unirnos nos problemas comúns e intentar resolvalos”, defendeu o candidato socialista á alcaldía de Mañón, José Carlos Vilameá, que sostivo que “o eterno retraso da Xunta coa VAP Costa Norte condena á zona ao illamento social e económico” e demandou a necesidade “de pór en marcha un proxecto de rexenaración urxente para a ría do Barqueiro”, que separa ambas localidades.

No mesmo sentido incidiu o candidato do PSOE á alcaldía de O Vicedo, Vicente Parapar, que afirmou que “temos que loitar pola VAP, que é un tema que nos preocupa a toda a comarca, pero en especial a O Vicedo e O Barqueiro e temos que loitar por FEVE; temos que irmandarnos porque temos cultura común e esperamos que esto sirva como o principio dun cambio que ten que xurdir a partir de hoxe”

Os candidatos do PSOE en Mañón e O Vicedo censuraron “a parálise e o conformismo” dos alcaldes do PP en ambas localidades e destacaron a necesidade de contar con gobernos locais “con capacidade de interlocución en Madrid e ganas de cambiar as cousas”

Apoio dende as Deputacións de Lugo e A Coruña
No encontro participaron tamén os Presidentes privinciais da Coruña e Lugo, Valentín González Formoso e Darío Campos Conde, que ofreceron o apoio de ambas institucións provinciais para impulsar proxectos de ámbito supramunicipal que beneficien a ambas provincias.

Os presidentes das Deputacións de Lugo e A Corulla comprometeronse a apoiar dende ambos organismos provinciais a proposta de Vilameá e Parapar de realizar un estudo biolóxico na ría do Barqueiro para determinar as causas dos problemas da ría e avanzar na recuperación de especies como a coquina, a ameixa, o longueirón ou o mexillón que prácticamente desapareceron

Exit mobile version