Site icon Crónica3.com A Mariña

Piñeiro Docampo quere máis CxG en Europa para desbloquear “a inoperancia das administracións e favorecer a xestión eficiente dos fondos europeos”

 Compostela 19-5-19. Piñeiro Docampo, cabeza de lista de Compromiso por Galicia nas europeas e Secretario Xeral, acusa ao BNG de pronunciarse como “salvadores da Patria da man de Ana Pontón e xogar coa importancia do sector en Europa, cunhas declaracións que non se axustan en modo algún á realidade”. “O noso é un proxecto que conta co respaldo de forzas políticas coma o PNV, co que presentamos xa varias iniciativas en Bruxelas, logo de máis de 10 reunións co sector e moito traballo para a xestión eficiente dos
recursos pesqueiros”, advirte o candidato ao Parlamento europeo pola coalición CEUS (Coalición por unha Europa Solidaria).
O Secretario Xeral de CxG acudiu esta mesma semana a unha reunión con Armadores de Vigo acompañado polo número dous na candidatura a Europa, Daniel Lago, na que se advertiu que o grado de execución dos fondos europeos nos últimos catro anos foi dun 10 por cento, “polo que non acabamos de ver onde se atopa a tan ‘cacareada’ defensa da abandeirada Ana Miranda para o sector. Que sofre constantemente a complexidade duns trámites que ignoran a seguridade nas embarcacións ou a eficiencia enerxética, e obvian a importancia de medidas que garantan o relevo xeracional”.
Compromiso por Galicia ven de propoñer en Armadores de Vigo (Arvi) un cumio ao máximo nivel coa participación do Partido Demócrata Europeo e os seus socios (entre os que se atopa EAJ-PNV) para tratar as necesidades dunha flota que carece dunha seguridade xurídica desexable nos casos onde se ven afectadas varias administracións, “o que limita a competitividade e frea claramente o investimento”, tal e como manifestou o presidente de Arvi, Javier Touza. “Producir un clima favorable para a aprobación e posterior execución das medidas en tempo razoable, así como a posta en marcha de políticas de eficiencia enerxética para unha flota que se ve hoxe ameazada pola guerra comercial entre EEUU e China”, será un dos obxectivos prioritarios das xornadas en Vigo co Partido Demócrata Europeo (PDE), e nas que xa traballa o equipo de Piñeiro.
O candidato a Europa por CxG asegura que “o Brexit, a xestión dun xeito eficiente dos fondos marítimo pesqueiros e a toma de posicións con respecto á política de aranceis van ser temas dunha extrema importancia nos vindeiros anos, e Galicia ten que estar presente na toma de decisións en Europa. Neste sentido, Compromiso por Galicia é, como xa ven demostrando da man do Partido Demócrata Europeo, o principal garante para un sector estratéxico na nosa comunidade, con miles de empregos directos e indirectos afectados”.

Exit mobile version