Por iso pediu “estender o modelo municipal do BNG os concellos da Mariña e de Galiza a partir do 26M, porque demostramos que somos capaces de facer política municipal con maiúsculas dan man dun proxecto sólido, unido, renovado e coa man tendida que transforma en positivo e mellora a vida da veciñanza, desde a honradez, construíndo concellos feministas, ecoloxistas nos que se avanza e se prospera. Ese é o proxecto municipal do Bloque para o que pido o apoio dos e das galegas este 26M”, salientou Pontón.
A dirixente nacionalista participou no mitin comarcal na Mariña celebrado en Xove, coas intervencións dos rexedores e candidatos á reelección nos concellos de Ribadeo e de Muras, Fernando Suárez e Manuel Requeijo, así como as candidatas por Viveiro e Barreiros, Miriam Bermúdez e Ana Hermida, e o candidato por Xove, Xosé Manuel López Hermida.
Pontón botou man da realidade municipal da Mariña para evidenciar a distancia que separa o bo funcionamento dos concellos gobernados polo Bloque daqueles que están en mans de forzas estatais “que se moven entre a imitación de modelos alleos e as fórmulas fracasadas da política caciquil”, en cuestións como o urbanismo, a transparencia na xestión, ou aproveitamento dos recursos ou o apoio é economía local.
“O país constrúese desde os concellos e para iso os recursos deste país deben estar ao servizo da veciñanza das nosas vilas, como defende e como practica o BNG alí onde goberna”, recalcou Pontón, en referencia a proposta posta en marcha no concello de Muras polo actual rexedor, beneficiando á veciñanza polo feito de ser o municipio con máis eólicos por habitante.
PP e PSOE, por contra, “gobernan para as eléctricas e por iso están en risco empregos en ALCOA na Mariña polos custes enerxéticos nun país que produce electricidade a esgalla”, recalcou. Tamén nas antípodas en materia de urbanismo.
“Fronte ao modelo depredador, especulativo e agresivo co medio ambiente, temos un modelo urbanístico que está ao servizo das persoas e non dos construtores, e aí está o referente de Ribadeo”, subliñou, ao tempo que ironizaba “co enorme de traballo de recuperación que lle queda a Ana Hermida en Barreiros, pero vas logralo como futura alcaldesa”. Igualmente, animou a conseguir un cambio ao candidato e a candidata de Xove e Viveiro.
Os concellos gobernados polo BNG “tamén apostan polo comercio de proximidade e pola economía local, outro dos sinais de identidade do modelo municipal que, -adaptado á personalidade de cada lugar-, aplica en todos as vilas, porque un comercio vivo é sinónimo de rúas vivas, de cohesión social, de humanización dos barrios, de creación de emprego e de riqueza”.
Sanidade pública de calidade
Na Mariña o Bloque deixa claro “o apoio aos servizos públicos de calidade, estando man a man coa veciñanza na rúa e nas institucións” na defensas da área sanitaria desta comarca, para que a veciñanza poda ter unha atención primaria e hospitalaria sen ningún tipo de discriminación, porque coa saúde das persoas non se xoga, argumentou.
Pontón salientou que o reto na cita electoral “é máis concellos gobernados co modelo municipal do BNG, libres de corrupción e de especulación, participativos, honestos na xestión, sustentables, con dinamismo económico, social e cultural. Por iso, estou convencida de que imos ter un gran resultado o 26M, tanto nas eleccións municipais como nas europeas”.
Lembrou que o 26M tamén eliximos representación en Europa e pediu o voto para Ana Miranda “quen foi capaz de converter o escano do BNG no escano de Galiza e iso queremos que siga sendo así pero con máis forza”.
Sectores produtivos na UE
“Para defender Galiza en Bruxelas temos que ter alí unha persoa da solidez da nosa candidata que ten un traballo acumulado de gran valor e que coñece moi ben o funcionamento das institucións, experiencia, coraxe política e coñecemento é a combinación perfecta para seguir dando a cara por este país, polos seus sectores produtivos, pero tamén a favor da democrática e dos dereitos”.
Miranda reivindicou a eficacia política do BNG en Bruxelas a favor do país fronte “ao desleixo do PP e do PSOE”, en temas como o saneamento das rías, na defensa dos sectores produtivos, da preservación do medio ambiente. “Porque somos garantía de seguir defendendo os intereses de Galiza na Eurocámara, porque temos vontade de traballo, compromiso e somos a voz galega que non cala”.
A actual eurodeputada recalcou o seu compromiso de ser de novo “a representación dos e das galegas preocupadas polo saneamento do noso litoral, porque non se decida en Bruxelas en contra dos nosos sectores produtivos, a favor da nosa cultura e da lingua, unha voz a favor da democracia, dos dereitos e das liberdades”, recalcou. Miranda volveu insistir no seu compromiso coas mulleres: “porque a nosa é unha candidatura feminista, que traballa sen descanso pola igualdade e polos nosos dereitos desde a premisa de que non imos permitir nin un paso atrás”.