Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentouse no Concello o libro Setas en Burela e na Mariña do que é autora Cristina García-Echave.

 Burela, 8 de maio de 2019. No Concello de Burela presentouse este mércores o libro titulado Setas en Burela e na Mariña do que é autora Cristina García-Echave.
No decurso da presentación o alcalde burelés, Alfredo Llano, comentou que “presentamos o libro que se titula Setas en Burela e na Mariña, que é dunha persoa que xa escribiu outro libro sobre esta temática. Trátase de Cristina García-Echave, que sempre que fai algo o fai cunha profesionalidade e cun rigor extraordinarios”.
O rexedor engadiu que “consideramos que esta forma de expoñer libros realmente dan un gran valor ao noso concello, dado que por un lado invita a vir a Burela para localizar as setas que aparecen no libro, e por outro van estar nos centros de ensino e van ser libros de consulta constante para afeccionados e profesionais das setas”.
Llano subliñou que “é unha boa obra que patrocina o Concello de Burela. Tivemos unha experiencia moi positiva na anterior edición, houbo moitas visitas a Burela grazas a ese libro e consideramos que esta nova edición, que é mellorada en moitos aspectos á anterior, trae tamén unhas consecuencias moi positivas para o concello. Sobre todo trátase de facer un libro de calidade no que expoñer o que temos no noso concello e por extensión na Mariña para motivar as visitas, presentar que temos moita vida arredor dos fungos e dos cogomelos, e que hai que tratar de descubrilos e valoralos. É unha forma moi bonita de coñecer aquilo que forma parte da nosa estrutura biolóxica”.
Foron editados 500 exemplares desta publicación, que estará nos colexios da localidade, na biblioteca pública municipal e no Concello, entre outros lugares.

Exit mobile version