Site icon Crónica3.com A Mariña

“TES, 061 e o PP: fin do postureo”, por Francisco Xavier Fanego

Como era sabido a posta en escea dos candidatos a alcaldía do PP Sres Jorge de Foz e Fuente de Barreiros, de visita na consellería o pasado 03 de maio, foi un paseo turístico con autobombo incluido a Compostela.
Tras a falsidade da pasada campaña electoral en que o candidato do PP de Foz mentiu decindo que non se eliminaban as urxencias de Foz (falseando por riba que a información era cousa do BNG, seguimos agardando disculpas), tras aceptar e aplaudir a supresión nocturna da ambulancia de soporte vital básico (SVB), agora a de SV avanzado (SVA) queda mutilada. É unha iniciativa da Consellería e do PP de Galicia que considera que na Mariña sobran TES.
Hoxe día 20 as 14 hs pechou o prazo para a oferta das empresas, que deben axustarse ao ofertado polo 061 o 24 de abril e que non sufriu ningún tipo de modificación por parte do SERGAS como consta na web dos contratos públicos de Galicia, expdte 516695.
É evidente o proceder, toda unha burla á veciñanza da Mariña. Despois da denuncia pública do alcalde de Ribadeo (porque a de Foz presta Servizo a toda a Mariña), dende o 061 foron quen de asegurar publicamente que o novo modelo de ambulancia de Foz melloraría o servizo coa perdida dun TES. Mesmo o Sr Flores responsable (mais ben irresponsable) do 061 asegurou que os recortes no servizo débense a unha modernización do mesmo, cando esta é unha figura fundamental na asistencia ás emerxencias en moitas patoloxías onde o tempo de resposta é vital. A Consellería mentiu tamén dicindo que se cadra o helicóptero realizaría os traslados (na súa falta de pudor meteu mesmo ao Pesca II que non fai rescates terrestres e non ten dotación de facultativo, que mais daba).
Pero é que as ambulancias de clase C, ou de SVA, deben estar acondicionadas para permitir asistencia técnico-sanitaria en ruta e o seu funcionamento está regulado por decreto no DOG (20 de xullo de 2016 ORDE de 29 de xuño de 2016) pola que se aproba a Carta de servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, na que establece na dotación de persoal que o equipo humano que integran estes dispositivos de transporte de SVA debe ser de 2 TES. A ver como se encaixa agora esta ocorrencia sen sentido.
Agora as ofertas están realizadas nas condicións que ofertou o 061. O día 23 de maio na Estrada, a mesa de contratación do 061 realizará a apertura do sobre A, e se procede, do sobre B e confirmaremos a infamia cara a toda a veciñanza e o fin do postureo.

Exit mobile version