Santos Ramos sinalou que “dende o Goberno da Deputación, apoiamos estas iniciativas que fomentan o uso e o apoio ao galego. É un pracer ver a tanta xente nova implicada na defensa da nosa lingua, e ao mesmo tempo das nosas tradicións e da nosa cultura. Esta edición do Correlingua reuniu a 1.200 participantes, o que deixa entrever o éxito desta programación”.
O obxectivo destas actividades é favorecer a situación da nosa lingua e activar accións a prol dela, contribuíndo a través dos rapaces e rapazas a importancia de falar galego e implicándoos na súa defensa. A carreira, que se levou a cabo durante a mañá, recorreu a Praza de Santa María, Porta de Bispo Aguirre, Porta de Campo Castelo, Praza Maior e unha volta á Muralla.
O Correlingua
É unha actividade escolar que se realizou ao longo de todo o curso. Iniciouse no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos nos que o alumnado reflexionou sobre a situación do noso idioma e creou os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego.