Site icon Crónica3.com A Mariña

Yovana Oroza e Natalia Álvarez consideran “non cribles as xestións de Llano en relación co entronque da nova autovía co Hospital e a sinalización de Burela na A-8”

Burela, 24 de maio d 2019.- As candidatas do PP, Yovana Oroza, e Natalia Álvarez, que forman parte do renovado e preparado equipo que os populares, encabezados por Manuel Rouco, presentan en Burela, afirman que “as xestións de Llano sobre un enlace da futura autovía A-74 coa raqueta do Hospital e a sinalización dos concellos, nomeadamente o de Burela, na A-8, non son cribles, dado que tivo tempo sobrado para facelas e mesmo para traducilas á realidade, polo que non pode pretender que agora os cidadáns traguen co anuncio. Semella que, como non ten programa, fai anuncios para paliar as súas evidentes carencias en materia de xestión nestes últimos catro anos”.
As populares considera que o socialista “perdeu unha ocasión de ouro para solicitarlle á subdelegada do Goberno que cumpra cos prazos que estaban estipulados en relación á nova autovía A-74, e que o Goberno Central licite dunha vez a redacción do proxecto construtivo, cousa que xa se tiña que ter feito en setembro ou outubro pasados”.
Oroza e Álvarez indicaran que o PP presentou unha moción no pleno celebrado o 29 de novembro do ano pasado solicitando a mellora da sinalización de Burela e do Hospital tanto na A-8 como na N-642. Finalmente, esta foi rexeitada polo PSOE, aludindo a que xa existía un compromiso da subdelegada do Goberno ao respecto. Pero a estas alturas están sinalizados O Valadouro, Alfoz, Riotorto ou Trabada, pero non Burela, co que deducen que “as xestións de Llano chegan moi tarde, e xa veremos cando se fan realidade, se chegan a facerse”.
As candidatas do PP amósanse convencidas de que “a credibilidade de Llano está baixo mínimos: este é outro anuncio cheo de fume, como o foron o cambio de ubicación do mercado, a traseira de Capitanía, o parque empresarial do Perdouro, o novo pavillón, ou mesmo a reforma do Vista Alegre ou a Relación de Postos de Traballo”. Neste senso, afirman que “é tan pouco crible porque mesmo se atreve a ter en estado lamentable e con risco para os peóns o muro sobre a beirarrúa na intersección de Eijo Garay coa Rúa do Berbés: a dez días das festas patronais, Llano e Fernández Rey teñen o muro en situación perigosa nunha zona pola que pasarán durante o fin de semana grande das Festas miles de persoas”, pero non lles estraña porque “iso mesmo está a suceder co estado no que se encontra a grada do campo de fútbol da Marosa, onde se está a poñer en risco a seguridade de tódolos afeccionados que acoden a este estadio”.

Exit mobile version