Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación Fraternidad e o Centro de Fingoi en Lugo navegan no veleiro adaptado Laion de COGAMI

 Ribadeo 19-6-19. O veleiro Laion da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia tempada de verán, ofrecendo a oportunidade de achegarse ao mundo da navegación a persoas con discapacidade en Ribadeo.
Un ano máis, e con este xa van dezasete, o veleiro Laion de COGAMI levanta áncora, iza velas e sae a navegar pola costa galega proporcionando unha nova experiencia de lecer náutico deportiva no marco do proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada). Dotado de adaptacións como son un guindastre, que permite embarcar a persoas con mobilidade reducida, e uns asentos ou backets, tamén adaptados, o Laion permite o acceso á embarcación a todas as persoas.
Dende finais de xuño arranca a tempada que, xunto co mes de xullo, vai permitir que máis de 200 persoas, distribuídas en quendas de 8 persoas por travesía, teñan a oportunidade de participar de travesías de tres horas polas rías galegas e aprender nocións básicas sobre a navegación a vela, así como a realización de nós náuticos, o manexo do temón ou vocabulario propio da arte da navegación.
Durante os días 17 e 19 de xuño, o veleiro atracado en Ribadeo estivo a realizar travesías pola ría con persoas usuarias da Asociación Fraternidad e o Centro de Fingoi en Lugo, que puideron experimentar de primeira man as sensacións que provoca a navegación a vela. Tras estas actividades porá rumbo á ría de Pontevedra onde participarán do 24 ata o 28 de xuño diferentes entidades da discapacidade da zona. Durante o mes de xullo o veleiro estará os días 1, 2 e 3 na ría de Muros, os días 5 e 6 estará navegando pola ría de Camariñas, os días 9 e 10 de xullo estará no porto de A Coruña e os días 12 e 13 de xullo serán as persoas da zona da comarca de Ares as que gozarán da navegación.
Este proxecto denominado GAVEA (Galicia Vela Adaptada) é posible coa financiación de Ence Energía y Celulosa, S.A. (ENCE), ademais dos clubs náuticos que ceden os amarres, como é o caso do Real Club Náutico de Ribadeo, o Club Náutico Ría de Ares, Club Náutico de Portonovo, Real Club Náutico de Sanxenxo, Marina Combarro, Club Náutico de Beluso, Marina Muros ademais do Club Náutico de Camariñas e o Real Club Naútico de A Coruña.

O GAVEA permite a participación en actividades náutico- deportivas a todas as persoas, derribando as barreiras que impiden o uso do medio mariño. Dende que iniciou este proxecto, conta con máis de 4.000 participantes, converténdoa nunha das actividades de lecer que conta con máis demanda por parte das persoas usuarias dos centros e entidades de COGAMI, así como entre as entidades do movemento asociativo.

Características do veleiro Laion

O Laion é un veleiro que foi incautado en 2002 ao narcotráfico e, dende que o ten cedido en garda e custodia a asociación membro de COGAMI, Adisbismur (Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros), posibilita que as persoas con discapacidade poidan participar en actividades náutico-deportivas.

Esta embarcación de 13 metros de eslora, ten unha capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

Conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. Ademais conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador electrónico e a electrónica foi desprazada á bañeira da embarcación o que facilita o goberno da mesma.

Ao longo dos anos, o proxecto GAVEA participou e eventos náuticos tanto galegos como internacionais, como foron a Volta Náutica a Galicia, a Xira Náutica Costa da Morte, a Regata S.A.R. Infanta Elena, a Regata Inicial da Volvo Ocean Race, a viaxe ao Fórum Barcelona 2004, as singraduras pola Costa Cantábrica, a 32ª Edición de la America´s Cup de Vela- Valencia 2007 realizando actividades de vela adaptada durante o transcurso da mesma, a Regata Teresa Herrera, a Regata Tall Ship Race, ou a I Travesía Náutica Xacobea.

Este proxecto, aparte de achegar o mar e a navegación á discapacidade, tamén contribúe na sensibilización, concienciación e inclusión social. Todas as visitas que o Laion efectúa nos diferentes portos nos que atraca serven para amosar a diversidade na que vivimos.

Exit mobile version