Site icon Crónica3.com A Mariña

A Campaña da FCAM “Merca na Mariña, desvirtualízate” promocionouse a nivel nacional no programa Gente Viajera, que se realizou desde Burela este domingo

 A Mariña, 17 de xuño de 2019. A campaña da FCAM Merca na Mariña, desvirtualízate promocionouse a nivel nacional no programa Gente Viajera, que por segundo ano consecutivo se realizou para toda España desde esta comarca. O ano pasado fíxose desde A Mariña Virtual, situada no Cenima en Foz, e neste 2019 desde o salón de plenos do Concello de Burela.
O presidente da Federación de Comercio A Mariña, José Carlos Paleo, estivo no programa conversando coa súa directora Esther Eiros e co xornalista catalán Carles Lamelo sobre a importancia que ten para os pobos que se fagan as compras no comercio local e do bo momento polo que está a atravesar o turismo nesta comarca, aínda que pensa que quedan moitas cousas facer. Paleo aludiu á necesidade do traballo conxunto entre administracións, asociacións e negocios e falou das múltiples posibilidades que ten A Mariña.
O equipo do programa, visitou en Burela o barco museo Reina del Carmen e o paseo marítimo ata A Marosa e en Foz o castro de Fazouro e o paseo marítimo que vai desde A Rapadoira ata Llas. Durante as dúas horas de emisión desde A Mariña os seus colaboradores falaron dos cascos históricos de Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo, do bonito e da pescada de Burela, da faba de Lourenzá, das conservas, de postres como a tarta de Mondoñedo, a zapata de San Gonzalo ou a réplica en chocolate da Basílica de San Martiño.
A historia, as praias, a gastronomía… estiveron presentes en Gente Viajera da man de Enrique Domínguez Uceta, Víctor Herranz, Quique del Olmo y Ángel Martínez Bermejo.
Polo programa pasaron tamén o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o xerente de Armadores de Burela, Miguel Neira. Ducias de persoas achegáronse ata Burela para presenciar a emisión en directo de Gente Viajera, que dirixe a pastoricense Esther Eiros.

Exit mobile version