Hugo García salientou que “o festival será un ano máis unha caixa de sorpresas. Este ano decidimos romper coa idea dun festival temático, tal e como viñamos facendo até o de agora, porque cremos que a ocasión o merece e que os 25 anos da Escola había que celebralos con actuacións especiais, con presenza de xente que pasou polo centro durante este tempo”.
O responsable da EMMeD de Ribadeo dixo que “será, unha vez máis, un festival que non deixará a ninguén indiferente. Tentamos sorprender á xente cun festival concibido para que o desfruten non só no plano musical, que por suposto que o farán, senón tamén na ambientación, nas presentacións…O único que nos falta agora é que o tempo nos bote unha man pois senón verémonos obrigados a trasladar as actividades ao auditorio”.
Hugo García Presno valora de maneira “moi positiva” o curso 2018-2019 e considera que “é preciso seguir traballando tal e como o vimos facendo até o de agora para manter e aumentar o nivel formativo e máis a calidade das actividades que organizamos”. O centro aumentou o número de matrículas, con preto de 380 persoas inscritas, e mantivo o número de docentes, trece.
A dirección da EMMeD de Ribadeo xa traballa na preparación do curso 2019-2020 no que non haberá grandes cambios. Antes de pechar o mes de xuño, a EMMeD de Ribadeo celebrará unha xornada de portas abertas na que o profesorado do centro explicará as distintas disciplinas que se imparten, incluíndo unha pequena clase práctica. Será o día 26 de xuño entre as 17:00 e as 19:00 na sede da propia Escola.
Así mesmo os días 24, 25 e 26 de xuño a EMMeD achegarase a varias parroquias ribadenses para ofrecer pequenos concertos.