A Xunta considera que esta pode ser unha fórmula ideal para acceder a formación que habilita, segundo a normativa en vigor, a realizar esta actividade de socorrismo en praias e piscinas e, de aproveitarse polos concellos, tamén a corrixir o déficit que, cada verán, se atopan no litoral para conseguir profesionais que posúan esta titulación.
No caso da Mariña lucense, esta é a fórmula que vén empregando durante os últimos anos o concello de Xove, que solicita e organiza co apoio e financiamento da Xunta este curso de formación, gratuíto para o alumando participante. Curiosamente e aínda que son moitos os concellos que teñen dificultades para contratar socorristas, Xove é o único concello da comarca que promove este curso.
Na provincia de Lugo tamén hai outras entidades como a Cruz Vermella, que nos últimos anos tamén fixeron uso desta oportunidade que supón organizar, co apoio e financiamento da Xunta, cursos de socorrismo. Esta actividade, sen custe para os participantes, dá dereito a obter o correspondente certificado de profesionalidade.
Desde a Delegación lembran que xa o ano pasado, informaron aos alcaldes desta fórmula de acceso a cursos formativos financiados pola Xunta, incluído ao alcalde de Ribadeo. Con todo este Concello non solicitou este curso pese as evidentes vantaxes que incorpora, incluído dispoñer dunha bolsa de titulados a incorporar no programa de socorrismo que se contrata cada verán.