O delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as obras xunto coa primeira tenente de alcalde de Muras, Belén Chao Ramil, e outros membros da Corporación. Segundo apuntou Balseiro, a achega do GDR a esta actuación supón o 86% do investimento.
O proxecto contempla destinar a parcela a zona verde deixando unha parte pavimentada con lousa conectada co patio do centro de interpretación mediante a construción dunha escaleira en tres tramos. A proposta prevé conformar unha praza miradoiro e tamén recuperar os muros de pedra que conforman os distintos bancais.
Na parte superior da parcela, instalouse un circuíto biosaudable dividido en dúas zonas e composto por diferentes equipos de ximnasia. Este tipo de instalacións están deseñadas para a práctica de exercicio físico de persoas adultas a partir de 40 anos e especialmente recomendados para maiores de 60.
As obras están moi avanzadas e actualmente trabállase no axardinamento e no remate do pavimentado. Algúns dos equipos de ximnasia xa están instalados.
Balseiro salientou que este proxecto forma parte das iniciativas non produtivas financiadas a través do GDR, encamiñadas á prestación de servizos públicos gratuítos, a impulsar dotacións e a mellorar a calidade de vida no medio rural.