A exposición recolle unha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. A mostra permanecerá exposta a partir de mañá e ata o 18 de xullo, de martes a sábado en horario de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h. Domingos en horario de 11.00 a 14.00 h. Os luns permanecerá pechada, e a partir do 1 de xullo o horario de visita será todos os días de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.