Site icon Crónica3.com A Mariña

Ana Covadonga Rodríguez Marqués, de 1º BACH do IES Dionisio Gamallo resultou gañadora do 1º Premio ao Mellor Xornalista Xuvenil convocado por La Voz de Galicia a través do programa Prensaescuela

 Ribadeo 6-6-19. A alumna Ana Covadonga Rodríguez Marqués, de 1º BACH do IES Ribadeo Dionisio Gamallo resultou gañadora do Primeiro Premio ao Mellor Xornalista Xuvenil convocado por La Voz de Galicia a través do programa Prensaescuela, co seu artigo “Veo si, veo non”. Recibirá o merecido galardón o vindeiro 14 de xuño no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre de A Coruña.
O seu artigo trata sobre a obriga das mulleres iraníes de cubrirse co veo, e da súa protesta en Teherán, que trouxo como consecuencia que moitas delas sufriran cárcere. Analiza a historia desta situación e suxire unha reflexión crítica desde a súa mirada de muller occidental.
Outros alumnos e alumnas tamén presentaron as súas reflexións e merecen tamén unha noraboa, porque o labor crítico que desenvolven comeza a ser cada vez máis necesario nun mundo que aínda ten que cambiar en moitos aspectos para poder considerarse contemporáneo. Así, Alicia Asensio Bande aportou a súa reflexión en torno á necesidade da ensinanza da política á futura cidadanía; Estela Bravo Montero polemiza co tema do aborto como dereito fundamental; e Ángel Yáñez Santana especula coa hipótese futura do mundo cibernético. Todos os seus traballos están compartidos publicamente na páxina web do IES, no departamento de Filosofía. O profesor Manuel Yáñez Dablanca foi o coordinador desta iniciativa e anima desde as súas clases a que todo o alumnado e toda a comunidade educativa se implique nos temas sociais dos que formamos parte e nos que debemos ter un protagonismo responsable, respectuoso e crítico.

Exit mobile version