Site icon Crónica3.com A Mariña

BUFANDO contra o machismo: Burela actúa fronte á violencia de xénero

 Burela, 14 de xuño de 2019. O programa BUFANDO, Burela actÚa Fronte Á violeNcia De xénerO, de prevención da violencia de xénero e fomento das relacións igualitarias entre mulleres e homes continúa o seu desenvolvemento nos diferentes ámbitos da vida do concello.
Na última semana desenvolvéronse diversas accións formativas promovidas polo concello co apoio do Centro de Información á Muller de Burela e o CEIP Virxe do Carme, e lanzouse a campaña de sensibilización cidadá contra a violencia de xénero BUFANDO. Estas accións estiveron coordinadas e realizadas polo equipo de ReTnova Proxectia Consulting S.L., empresa adxudicataria do programa.
O traballo no CEIP Virxe do Carme consistiu na realización de dous talleres formativos para varios cursos de Educación Primaria (primeiro, segundo e cuarto), nos que se traballou coa rapazada para a detección de estereotipos sexistas, conductas agresivas e discriminacións explícitas ou implícitas contra as rapazas e a comunidade LGTBI. Asemade, nestes talleres promoveuse a normalización de referentes igualitarios e fomentouse o desenvolvemento de patróns de comportamento e comunicación baseados no diálogo, o recoñecemento das propias emocións e a súa xestión, e o rexeitamento a calquera manifestación de violencia. Máis de cen rapazas e rapaces asistiron a estes talleres, nos que participaron activamente a través de dinámicas, xogos e análises de contos.
Pola súa parte, a formación impulsada polo CIM acolleu a un grupo de mulleres que debateron e reflexionaron coa formadora sobre conceptos básicos relacionados coa igualdade entre homes e mulleres (p. ex. socialización de xénero, roles e estereotipos, patriarcado) e sobre a vixencia e relevancia do movemento feminista como ferramenta de consolidación da igualdade real. A formación, a primeira das tres que impulsa o CIM no marco do programa BUFANDO, combinou formación teórica con dinámicas participativas que fomentaron o recoñecemento por parte das mulleres da propia vivencia de xénero no sistema de desigualdade no que vivimos, e a clarificación de conceptos e procesos básicos referentes ao movemento feminista actual e aos movementos de mulleres en xeral.
Ademais, comezou tamén a difusión da campaña de sensibilización do programa Bufando a través do material gráfico posto a disposición da cidadanía e dos comercios e negocios de Burela por parte do Concello. O primeiro lote de carteis contra a violencia de xénero pode verse xa en tendas de diversa índole e edificios municipais.
Nas próximas semanas continuarase co desenvolvemento do programa BUFANDO, a través da realización de máis accións formativas, e da distribución de material informativo e formativo de gran relevancia sobre temáticas específicas que afectan ás relacións de desigualdade entre mulleres e homes e que o concello porá a disposición da cidadanía.
Tanto as acción realizadas como as que se continuarán desenvolvendo nas próximas semanas buscan desenvolver os acordos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero dende o eido local, e están financiadas con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad, a través da Secretaría de Estado de Igualdad, como dicíamos, co obxectivo de despregar o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a través dos entes locais.
Neste sentido, BURELA segue BUFANDO para afastar o machismo, porque aturar a violencia é cousa de todas e todos

Exit mobile version