Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega: “Ribadeo puido ofrecer cursos de formación para socorristas, pero Suárez Barcia non os solicitou”

Ribadeo, 25 de xuño de 2019. O voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Daniel Vega, asegura que “Ribadeo puido ofrecer cursos de formación para socorristas, pero non solicitou esta formación que a Xunta imparte tódolos anos de xeito totalmente gratuíto tanto para os Concellos que a solicitan coma para o alumnado participante”. É máis, “tampouco solicitou os cursos para a vindeira temporada cando o prazo xa rematou e, polo tanto, en 2020 Ribadeo tampouco ofrecerá esta formación”.

O popular engade, pois, que “é bastante complicado entender ao señor Suárez porque en relación a todo aquilo que el non fai ou que el fai mal bótalle a culpa a outras administracións”. Neste sentido, convídao a “cumprir coas súas responsabilidades porque sería o mellor para Ribadeo”, pero “o certo é que as esqueceu mentres fixo campaña”.

Vega recorda que “o servizo de socorrismo nos areais ribadenses é de competencia municipal” e aínda así, precisamente para paliar a carencia de profesionais, “a Xunta ofrece estes cursos de formación dirixidos principalmente a persoas desempregadas que dan dereito a obter o certificado de profesionalidade”. Así mesmo, o voceiro do PP no municipio lembra que “a Xunta completa e reforza o operativo de socorrismo para Ribadeo financiando con 24.000 euros a contratación de oito socorristas durante dous meses”.

O voceiro do PP ribadense sinala que “os problemas coa contratación de socorristas non son doutras administracións, é un problema do señor Suárez por non solicitar os cursos e non dar opción a formar aos futuros socorristas; mentres a Xunta achega financiamento para a formación e mesmo para a contratación de socorristas”.

Vontade colaboradora da Xunta
O popular tamén engade que “a Xunta sempre mostrou vontade por colaborar”. Incluso nos últimos días “a administración autonómica e a Fegamp analizaron nunha xuntanza posibles medidas que permitan paliar a escaseza de persoal para a tempada de verán coma a creación dunha bolsa centralizada de socorristas na Academia Galega de Seguridade Pública ou a posibilidade de facilitar a acreditación de certos colectivos como os que estudan Tafad ou INEF, ou crear figuras de auxiliares, como na Policía Local, que complementen o traballo de socorristas”.

“Menos botar culpas e máis solucionar problemas”
Vega esíxelle ao señor Suárez que “solicite os cursos de formación demandados porque, deste xeito, non terá ningún problema á hora de contratar profesionais”. É máis, pon como exemplo Concellos coma o de Xove que “pediu os cursos en tempo e forma e xa conta con socorristas contratados. Menos botar culpas e máis solucionar problemas”, conclúe o popular.

Exit mobile version