Site icon Crónica3.com A Mariña

Entregados os premios aos gañadores do Campionato Galego de Optimist por equipos 2019, que se disputou este domingo na ría de Foz

 Foz, 24 de xuño de 2019. O presidente de Acia Foz, José Carlos Paleo, e o alcalde focense, Fran Cajoto, presidiron a entrega de premios aos gañadores do Campionato Galego de Optimist por Equipos 2019, que se disputou na ría na xornada de onte, domingo.
O gañador foi o Real Club Náutico da Coruña, que superou nos seus enfrontamentos aos finalistas que foron o Real Club Náutico de Sanxenxo, 2º clasificado, e o Real Club Náutico de Vigo, 3º clasificado.
Once equipos se deron cita neste Campionato, “no que se disputaron regatas moi reñidas de todos contra todos ata conseguir os finalistas que se enfrontarían entre eles nunha regata final. A grande relevancia dunha regata destas características recae en que o resultado é conseguir coñecer ao equipo que representará a Galicia no Campionato Nacional, que se celebrará en xullo en Canarias”, explican desde o Club Náutico de Foz.
E engaden que “o campo de regatas situouse nesta ocasión dentro da ría, debido aos condicionantes meteorolóxicos existentes”.
O Campionato Galego de Optimist por Equipos 2019 foi organizado polo Club Náutico de Foz, patrocinado por Acia Foz/Centro Comercial Aberto e contou coa colaboración do Concello de Foz.

Exit mobile version