Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez afronta o seu cuarto mandato como alcalde coa mirada posta nas partes máis febles da sociedade

 Ribadeo, 15 de xuño de 2019. Este mediodía quedou constituída a Corporación Municipal de Ribadeo, tras a celebración do pleno que deu comezo ás 13:30 horas. As concelleiras e concelleiros prometeron os seus cargos e despois tivo lugar a votación dos candidatos. Cada formación política apoiou ao seu e como consecuencia, e tras os resultados acadados nas pasadas eleccións municipais, Fernando Suárez, do BNG, foi proclamado alcalde por maioría absoluta.
No seu discurso, xa como rexedor que afronta o seu cuarto mandato, tivo palabras de agradecemento para “os que axudaron a deixar o listón tan alto como está” e dixo que “toca pensar en Ribadeo, na bisbarra, na provincia e tamén en Galiza enteira”.
Suárez Barcia manifestou que “seguiremos impulsando un crecemento sostible, produtivo e non especulativo. Seguiremos traballando duramente polas partes máis febles da sociedade. Queremos facer de Ribadeo a capital galega da produción orgánica e da alimentación sá… e todo isto cunha clara perspectiva de xénero”.
Ducias de veciñas, veciños e familiares dos membros da Corporación Municipal de Ribadeo quixeron acompañalos nesta sesión plenaria constituínte. Ao remate houbo tempo para as fotos.

Exit mobile version