Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela asegura que o Concello segue a traballar con normalidade á espera da repetición das eleccións na mesa do IES Perdouro como ordea o TSXG. Os comicios deberán convocarse antes do 28 de setembro

 Burela, 27 de xuño de 2019. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, cualifica de “normal e lóxica” a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de ordenar a repetición das eleccións municipais na mesa instalada no IES Perdouro, tras a denuncia presentada por Burela Sempre. Os comicios deberán celebrarse antes do vindeiro 28 de setembro. Llano subliña que o Concello segue a traballar con normalidade.
O rexedor explicou que “recibimos a notificación da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, con respecto á cuestión que plantexou Burela Sempre pola alegación na valoración duns votos nulos. Tomámolo con tranquilidade e con normalidade porque era unha solución lóxica. Xa pasara pola xunta electoral de Mondoñedo, onde ratificaron o que xa había, ao igual que a xunta electoral de Lugo, tal e como se decidira aquí en Burela. Pero no Tribunal Superior, loxicamente porque era unha das posibilidades que había, tomou a decisión de ter que repetir as eleccións nesa mesa. Non deron aparecido eses votos nulos e non se sabe con certeza nin se puido contrastar que favorezan ou son nulos de pleno dereito, ao non aparecer fisicamente loxicamente hai que tomar unha decisión e a min paréceme normal a que se adoptou desde o Tribunal”.
Alfredo Llano dixo que “agora temos tres meses para volver a repetir as eleccións. Hai de prazo ata o 28 de setembro. Hai que buscar que quen decida a data o faga da mellor maneira posible para tentar que non se favoreza a abstención, o mes de agosto sería posiblemente un mes malo para facer estas eleccións. Temos que buscar a maneira de que a normalidade sexa unha garantía e que poida acudir a votar gran cantidade de xente desa mesa do Perdouro porque hai aproximadamente 600 votos”.
O alcalde de Burela subliñou que “isto non afecta para nada á normalidade no Concello. Imos seguir traballando, imos seguir representando ao Concello, imos atender todos os asuntos que corresponden ao Concello de Burela dentro da súa normalidade cos proxectos e coas obras que están en marcha, con todas as tarefas, atendendo á xente como hai que atendela, ou sexa que non se sinta para nada esta situación de provisionalidade no acontecer diario no Concello de Burela”.
E engadiu: “agora temos que agardar a ver cando nos din de facer as novas eleccións. Xa non vai ser a constitución da nova Corporación Municipal o día 5 de xullo. Parece ser que isto non afecta para nada á constitución da Deputación, aínda que habería que ter en conta os votos no concello de Burela, pero en principio parece ser que non afecta. Estamos agardando a que se nos diga cando van ser, efectualas e ver que sucede. Pode haber cambio ou sinxelamente seguir como está todo”.

Exit mobile version