Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo conta co Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais

 Mondoñedo, 19 de xuño de 2019. O Concello de Mondoñedo conta xa co Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. O documento será aprobado nos vindeiros días, antes de expoñelo ao público. Tras a exposición, será aprobado de xeito definitivo, previo informe da Dirección Xeral de Montes. A rexedora, Elena Candia, avanza que farán visitas polas parroquias para dalo a coñecer e exporán o documento nos locais sociais, ademais de no consistorio.
O obxectivo principal deste Plan Municipal, en cumprimento do establecido na Lei 3/2007, é a definición da rede de faixas secundarias de xestión de biomasa, formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas, e garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal mediante técnicas silvícolas axeitadas coa fin principal de reducir o risco de incendio e protexer a seguridade das persoas.

O obxectivo descrito concrétase nunha serie de accións sobre o territorio que buscan organizar a xestión da biomasa en zonas estratéxicas, especialmente aquelas declaradas de alto risco de incendio, unido á construción e mantemento de faixas exteriores de protección de zonas poboadas, o tratamento de áreas forestais nun esquema de intervención segundo modelos silvícolas previamente establecidos no ámbito da defensa de persoas e bens e a defensa dos montes.

Mondoñedo non está declarado zona de alto risco
O Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (PEIFOGA) indica que o índice de risco potencial para o Concello é alto, pero non está declarado como zona de alto risco. No período 2088-2017 o Concello presenta unha media de 1,80 incendios/ano e 1,91 hectáreas/ano queimadas. O número de incendios forestais foi de 18, queimando un total de 19,11 hectáreas; 3,31 arboradas e 15,80 rasas. No Concello de Mondoñedo non hai declarada ningunha parroquia de alta actividade incendiaria segundo o PLADIGA 2019.

O plan establece as medidas a tomar para a xestión da biomasa, a definición das redes secundarias de faixas, perimetral ao solo urbano, núcleo rural e urbanizable e arredor das edificación destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte e arredor das edificacións illadas destinadas ás persoas. Tamén medidas para a xestión da biomasa en pistas, vías, camiños e estradas de titularidade municipal, así como nos montes municipais.

Obrigas dos propietarios
Todas as persoas propietarias teñen a obriga de manter limpos de maleza os terreos arredor das súas vivendas para previr incendios, así como gardar unha certa distancia ás plantacións forestais. Aínda que a normativa autonómica é moito máis ampla os casos máis habituais son:
Fóra de solo urbano ou rural, establécese a distancia de 15 metros con edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais no caso de que se empreguen especies de frondosas caducifolias, e de 50 metros no resto de especies.
En solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable delimitado, a distancia será de 2 metros cando se empreguen as especies de frondosas caducifolias, e 50 metros no resto de especies.
É obriga do propietario manter limpa esta zona antes do 31 de maio de cada ano.

Consellos para mellorar a protección da nosa casa
-Manter unha franxa totalmente libre de vexetación e de restos vexetais de polo menos 2 metros arredor das fachadas e de 10 metros libres de árbores.
-Na leira ou xardín, favorecer a descontinuidade vertical e horizontal do combustible vexetal, mantendo as árbores e arbustos separados suficientemente e podados ata 3,5 metros de altura.
-Manter os alboios de leña separados da vivenda. Os silos de biomasa forestal estarán en recintos illados, protexidos e ventilados.
-Os depósitos de combustibles líquidos e gasosos estarán en recintos protexidos e ventilados.
-Coidado coa cheminea. Cómpre protexela para evitar que entren na casa faíscas ardendo.
-Limpar os tellados e canlóns de follas, ramallada e outros restos vexetais que poidan arder.
-Ter unha mangueira de rega flexible e longa de sobras que dea para rodear a casa.
-Dispor de extintores polivalentes en garaxe, cociña e sobrados.
-Evitar os peches estremeiros sintéticos e as mallas de ocultación vexetais.
-No xardín e sebes perimetrais empregar preferentemente arbustos de folla verde todo o ano.
-As parrillas serán preferentemente de obra e estarán rodeadas por unha devesa de 3 metros.
-As queimas de restos vexetais ou forestais amoreados en terreos agrícolas ou forestais están suxeitas a comunicación ou autorización de queima. Están prohibidas en épocas de perigo alto de incendio.
-Buscade alternativas ao uso do lume e, en caso de empregalo, extremade as precaucións e facelo en épocas e zonas permitidas.

Exit mobile version