Site icon Crónica3.com A Mariña

O I Mercado Vivemar convida a crear cultura de feira entre os máis novos

Viveiro 6-6-19. Este sábado día 08 de xuño e se a choiva o permite desta volta, disfrutaremos do primeiro Mercado Vivemar. Día no que desfrutar e celebrar o facer de feira. Antigamente en moitas feiras se escoitaba música, nesta tamén. Serán os Amigos do Folk os encargados de animar musicalmente a cita. Tamén había en moitas delas algunha actividade coa que divertir aos asistentes, así nacía a fama por exemplo de Barriga Verde co seu espectáculo de feira en feira. Pois para recuperar esa xeito de achegar cultura ao pobo, a compañía de teatro A Cova das Letras virá representar un espectáculo titulado “Teatro á Feira” e interpretado por Cristina Collazo e Anxo García, este último ben coñecedor e investigador da historia de Barriga Verde. Será ás 20:30horas
E nas feiras e mercados, sempre o fundamento era o mercadeo de alimentos e bens variados. Nesta ocasión a organización lamenta que de 14 postos que participarán só haberá dous propios de alimentos. A convocatoria foi lanzada convidando á participación sobre todo de conserveiras e demáis proxectos de alimentación vinculados ao mar. Sabedores tamén de que as primeiras edicións sempre son as máis complicadas para acadar a participación de feirantes e esperando haxa continuidade no tempo para ir medrando e mellorando pouco a pouco. Ademáis convídase aos postos de alimentación que habitualmente se dispoñen cada xoves ou sábado na Praza Maior a participaren conxuntamente con este mercado.
Pois esta cultura de feira e mercadeo pretende ser compartida e incentivada entre os máis novos. Haberá xogos populares onde desfrutar en familia durante toda a xornada. E ademáis do espectáculo que axudará a pechar a velada tamén se convida a nenas e nenos de diversas idades a acudir co seu posto. O mercadiño infantil será de 16:30 a 19:30 horas. Os que decidan acudir terán que traer o seu posto ao xeito de antes, caixas de cartón reutilizadas e adaptadas como postos. E poñerán á venda o que estimen oportuno, haberá quen se achegue con tartas e doces, empanadas, artiluxios feitos por eles, revenda de libros e xoguetes aos que non lles fagan uso, e un longo etcétera que será composto pola imaxinación deles. E xenial será ver como entre eles podan mesmo trocar unhas cousas por outras, fomentando deste xeito algo que tamén era moi dado en feiras de antano.
Ao remate do mercadiño infantil farase entrega de varios premios aos participantes máis miudos.

Exit mobile version