Site icon Crónica3.com A Mariña

Pajón: “Estes resultados dános máis forza para seguir traballando os próximos 4 anos en prol dos veciños de Ourol”

 Ourol, 15 de xuño de 2019.- O actual Alcalde, José Luis Pajón, tomou posesión este sábado como rexedor do Concello de Ourol. Fíxoo tras acadar a maioría absoluta no consistorio, pasando de 4 a 8 Concelleiros, dos 9 que forman o pleno da corporación, cun 82% do total dos votos nas Eleccións Municipais.

José Luis Pajón agradeceu aos veciños a súa confianza e apoio e destacou que “estes resultados históricos dános máis forza para seguir traballando os próximos 4 anos en prol dos nosos cidadáns. Os veciños de Ourol deixaron claro cos seus votos que queren que continúe o proxecto progresista do PSOE. Manteremos as mesmas prioridades nas nosas políticas, sempre coa atención posta nas persoas que viven no medio rural para que teñan as mesmas oportunidades que o resto de veciños, poñendo en marcha políticas encamiñadas a fixar poboación”.

O Alcalde de Ourol puxo en valor o traballo feito durante estes 4 anos e salientou que no próximo mandato o PSOE ten grandes proxectos en marcha como abrir a residencia e o centro de día no antigo colexio “para que os nosos maiores teñan a mellor atención posible no seu Concello, preto das súas familias e das súas casas”.

José Luis Pajón subliñou que “as portas do Consistorio estarán abertas para calquera veciño” e “aínda que teñamos maioría no Pleno queremos manter unha boa relación coa oposición, á cal escoitaremos e atenderemos sempre”.

O Goberno do PSOE en Ourol que lidera José Luis Pajón estará formado polos Concelleiros socialistas Francisco Ramil Pernas, Ana María Rico Pernas, Victor García Rodríguez, José Ramón Cal García, María Regina Peña Martínez, Manuel Barro Iravedra e Ramón Seijas Orol.

Exit mobile version