Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta cancela o consorcio de repoboación forestal do monte da Gañidoira, en Muras

 Muras, 16 de xullo de 2019.- A Consellería do Medio Rural vén de cancelar o consorcio de repoboación forestal do monte da Gañidoira, no termo municipal de Muras, de tal xeito que medio cento de propietarios recuperarán a autonomía e xestión directa de 461 hectáreas de superficie, así como os beneficios xerados polos posibles aproveitamentos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o consorcio que é obxecto de cancelación data do ano 1952 e subscribiuse naquel momento entre o denominado Patrimonio Forestal do Estado e o Concello de Muras, en representación destes veciños. Agora extínguese co visto e prace da Xunta, departamento competente para dar este paso, desde que no ano 1980 desaparecera o Icona (Instituto para a Conservación da Natureza)

Ademais, como o consorcio non presenta saldo debedor, o Concello non terá que abonar cantidade algunha á Xunta, un dos requisitos principais previstos na normativa vixente para aceptar as cancelacións. Cando a contabilidade de Medio Rural mostra que nun monte dado tivo máis gastos que ingresos, a Consellería reclámalle aos propietarios o pago da diferenza, circunstancias que non se dá neste caso.

Cómpre lembrar que este tipo de consorcios ou convenios tiñan por obxecto contar co apoio da administración pública para colaborar na xestión do monte naqueles casos nos que, por falta de capital ou capacidades, os propietarios non podían asumir certos desembolsos como os dirixidos á asumir os gastos de repoboación forestal.

Exit mobile version