Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta informa negativamente a modificación urbanística precisa para crear un parque empresarial no Valadouro porque o Concello modificou unilateralmente o seu emprazamento

 O Valadouro , 22 de xullo de 2019.- O servizo provincial de Urbanismo en Lugo informou negativamente a modificación puntual das Normas Subsidiarias Municipais do Valadouro (Lugo) pola que se pretendía reclasificar varios terreos para crear un novo parque empresarial neste municipio.

A Xunta non se opón a que O Valadouro poida ter solo industrial e comercial, máis ao contrario, o plan sectorial de ordenación de áreas empresarias de Galicia, elaborado pola administración autonómica no ano 2014, xa reservaba daquela espazo para crear este polígono.

O problema está en que o Concello do Valadouro decidiu modificar unilateralmente o emprazamento do futuro parque empresarial para situalo noutro espazo próximo pero diferente, o que contradí a normativa vixente e impide que se poida autorizar un novo parque noutro punto distinto do inicialmente previsto.

Dáse a circunstancia ademais de que o Concello do Valadouro xa coñecía desde febreiro do ano 2018 que se estaba a producir unha incoherencia entre a modificación urbanística pretendida polo Goberno local e a que figuraba no plan da Xunta polo que certamente é algo sorprendente que se solicite informe sen corrixir esta deficiencia.

Con todo, a situación é perfectamente corrixible. De feito, o Goberno galego aclara que o Concello do Valadouro ten dúas opcións para atender as demandas de solo empresarial no municipio: ou realizar unha modificación urbanística que coincida co emprazamento inicial, isto é o establecido no plan autonómico de solo empresarial ou, solicitar unha modificación deste plan autonómico seguindo o procedemento previsto no mesma.

A Xunta estimaba reservar 118.375 metros cadrados de terreo para crear un polígono industrial no Valadouro, xunto á estrada LU-162 e máis próximo ao núcleo urbano; namentres que o emprazamento escollido polo Concello, ademais de ser menor (88.878 metros cadrados) está situado nun lugar próximo pero diferente, isto é, ao norte da estrada autonómica LU-152, xunto ao campo de fútbol.

Nas próximas datas está prevista manter unha reunión técnica para intentar dar saída a esta situación e corrixir as deficiencias que farán posible a reclasificación destas bolsas de solo e, en consecuencia, as bases urbanísticas que permitirán a futura creación dun polígono industrial no Valadouro.

Exit mobile version