Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inviste 45.000 euros nos traballos de mellora interior e renovación da instalación eléctrica da igrexa parroquial de Santa María, en Ferreira do Valadouro

 O Valadouro, 12 xullo de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo inviste 45.000 euros nos traballos de mellora dos parámetros interiores e de renovación da instalación eléctrica da igrexa parroquial de Santa María, en Ferreira do Valadouro.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, acompañado de persoal técnico da consellería e do párroco da localidade, Fernando Monterroso, visitou o templo para comprobar o estado das obras, que continuarán durante as próximas semanas e estarán rematadas previsiblemente a principios de agosto.

Os traballos previstos son complementarios aos executados no 2016 que consistiron na substitución da antiga cuberta da igrexa, que estaba en mal estado e pola que se producían filtracións no interior. Esta obra financiouse con achegas da veciñanza e da Diocese.

Nesta ocasión a administración autonómica sufraga unhas actuacións que van dirixidas a corrixir aqueles elementos que presentan danos por antigas entradas de auga (manchas de humidade e mofos) e polo paso do tempo. Tamén está incluída a modernización da instalación eléctrica, xa obsoleta.

“Queremos que un dos monumentos máis significativos do Valadouro tanto desde o punto de vista patrimonial como relixioso, e moi en especial o interior do templo, recupere un aspecto digno e acorde coas actuais esixencias que demanda a veciñanza”-dixo Balseiro.

Actuacións previstas
A obra iniciouse con traballos previos consistentes na protección e retirada de elementos mobles e montaxe de medios auxiliares. Tamén se preparan as distintas superficies para aplicar unha nova pintura mineral a base de silicato potásico e pigmentos inorgánicos en solución acuosa, con acabado mate en cor branca.

Igualmente, está previsto actuar nos falsos teitos de madeira e pintalos con esmalte de cor branca e acabado mate. A continuación renovarase a instalación eléctrica, incluída á limpeza e adecuación das lámpadas mediante substitución de cables, portalámpadas e das actuais luminarias por luces con tecnoloxía LED.

Estilo neogótico
A igrexa está dedicada á patroa da localidade, Santa María, a imaxe e semellanza da pequena capela que se atopaba no pasado na praza principal de Ferreira. O templo data dos anos 20 do século pasado e está edificada con estilo neogótico, moi común naquela época.

O edificio, de planta de cruz latina, conta con tres naves e dúas sancristías nos laterais do presbiterio. A fachada principal é de cantería de granito, cunha porta oxival que se adianta un pouco do paramento. A parte central está caracterizada por unha esvelta torre con reloxo e campanario. O interior conta con falsos teitos de madeira pintada. A nave central a dúas augas inclúe unha bóveda de cruzaría.

Exit mobile version