Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta non autorizará o novo salón de xogo en Ribadeo amparándose na nova normativa autonómica que regula as apostas

Ribadeo, 10 de xullo de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza non autorizará o novo salón de xogo que tiña previsto instalarse na avenida de Asturias en Ribadeo, amparándose na nova normativa autonómica en materia de apostas.

Balseiro explica que, coa entrada en vigor do Decreto de planificación de autorizacións de salóns de xogo todos os expedientes que na actualidade se atopan en tramitación deberán ser desestimados, xa que logo limita a 118 o número de establecementos autorizables en Galicia, e ese límite xa está superado neste momento.

O delegado quixo aclarar que se o Goberno galego non tivera impulsado esta reforma normativa, non existirían ferramentas legais para desestimar a petición formulada polo salón de xogos e, polo tanto, foi este cambio normativo da Xunta quen fará posible denegar a autorización solicitada.

O pasado mes de xuño, o Consello da Xunta aprobou un acordo para limitar as autorizacións e evitar especulacións antes da entrada en vigor da que será a nova lei do xogo, moito máis restritiva con este tipo de autorizacións. O Goberno galego busca limitar a actividade e regular un xogo respectuoso e responsable, de aí que inclúa novidades como o reforzo dos controis ou as limitacións no número de establecementos.

Exit mobile version