Site icon Crónica3.com A Mariña

Dezaoito alumnos formáronse nas especialidades de albanelaría, urbanización e construción no obradoiro de emprego que, co apoio da Xunta, compartiron A Pontenova, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada

 A Pontenova, 31 de xullo de 2019. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe no acto de clausura e entrega de diplomas aos dezaoito alumnos e alumnas que remataron con aproveitamento o obradoiro de emprego que compartiron os concellos da Pontenova, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. No acto tamén estiveron presentes os alcaldes destes municipios e distintos representantes municipais.

A iniciativa, que contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria por valor de 288.000 euros, serviu para que o alumando accedera a un posto de traballo durante 9 meses, tempo durante o cal tamén recibiron formación teórica e práctica nas especialidades de albanelaría, urbanización e construción.

Os obradoiros de emprego dan dereito a obter, en caso de rematalos con aproveitamento, o certificado de profesionalidade correspondente, con validez en todo o territorio nacional, que habilita aos seus titulares para o exercicio dunha actividade profesional.

A súa vez os obradoiros serviron para promover obras de interese público. Na Fonsagrada, traballaron no acondicionamento dun local social para o pobo da Pobra de Burón, un inmoble que se atopa en perfectas condicións para realizar xuntanzas veciñais e tamén, na mellora de dúas vivendas sociais para uso de familias con necesidades especiais.

Na Pontenova o obxectivo foi a recuperación da antiga escola unitaria de Xudán, tamén para destinala a local social. Os traballos centráronse na substitución de cuberta e no acondicionamento dos espazos interiores deste inmoble.

Finalmente, en Negueira de Muñiz, o traballo do alumando serviu para recuperar un espazo no núcleo urbano coñecido como Casa dos Cazadores e tamén para reformar o antigo pozo comunitario de Bustelo. Trátanse de zonas cun atractivo estético e natural espectacular que poden ser empregadas ao aire libre como espazos de lecer e esparexemento.

Balseiro destacou a importancia de mellorar a cualificación dos galegos e galegas para favorecer o seu acceso ao mercado laboral e dar resposta, á vez, ás necesidades reais dos principais sectores produtivos da Comunidade. Nesta liña, apuntou que “as estatísticas demostran que o 60% dos participantes logran atopar un emprego nos primeiros seis meses e incluso antes de rematar a súa formación, o que pon en evidencia a utilidade destes obradoiros”.

Exit mobile version