Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente inicia a redacción dos plans básicos municipais de oito concellos de menos de 5.000 habitantes

Ourense, 16 de xullo de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de pechar o contrato polo que se redactarán oito Plans Básicos Municipais dos concellos de Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de Río, Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada e Triacastela. A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz, presidiu esta mañá unha reunión entre representantes das administracións locais e os equipos redactores, co fin de coordinar os traballos de redacción desta figura que xa recolle a Lei do solo.

Explicou que se trata dunha ferramenta impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e pensada para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamento xeral.

Encarnación Rivas sinalou que estes concellos- xunto co do Páramo- serán os primeiros municipios en contar con este instrumento de planeamento, pois as empresas dispoñen dun prazo de dez meses para redactar ditos plans básicos municipais, que se basearán no traballo piloto que leva a cabo a Consellería para a tramitación do PBM do Páramo..

O Plan Básico Municipal dotará aos concellos galegos (de menos de 5.000 habitantes) dun instrumento urbanístico básico que lles permitirá ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Rivas Díaz engadiu que o PBM dotará a ditos concellos dunha ordenación básica, cuxa formulación, tramitación e aprobación corresponde á Comunidade Autónoma, en colaboración e coa participación dos concellos, e que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.

A directora xeral explicou que en Galicia hai 49 municipios que poderían beneficiarse dos Plans Básicos Municipais, pero un ducia dos mesmos teñen a redacción do seu plan xeral moi avanzada, polo que se considera coherente continuar coa mesma. En definitiva son 37 concellos galegos susceptibles de dotarse dun PBM, polo que a Consellería licitou os traballos para a redacción dos primeiros nove concellos; mentres que os 28 restantes quedarán para unha segunda fase. Non obstante, aclarou que este mesmo ano se darán os primeiros pasos dos seus PBM, pois se realizarán os voos para a cartografía correspondente.

A directora xeral trasladou que esta é unha boa nova para os case 40 concellos galegos, xa que moitos deles na actualidade se rexe por unhas normas provinciais de planeamento, aprobadas na década dos 90.

Por último, Encarnación Rivas sinalou que o Goberno galego leva unha década traballando para dotar a Galicia cun novo e moderno marco normativo en materia de urbanismo; cun obxectivo moi claro: ningún concellos sen Pxom. Hoxe xa son máis de cen os concellos que contan con plan xeral adaptado e acorde á normativa vixente e, ao longo desta década, tamén se puxeron en marcha figuras como as Directrices de Ordenación do Territorio, o Plan de Ordenación do Litoral, a Estratexia da Paisaxe Galega e o Plan Básico Autonómico, que entrou en vigor en outubro do pasado ano e que substitúe ás normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais.

Exit mobile version