Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Lourenzá pide cinco medidas de urxencia

Lourenzá, 19 de xullo, 2019. O pasado 25 de Maio celebráronse as eleccións municipais que deron paso ás novas corporacións e nós recibimos a responsabilidade que a confianza dos votos dos veciños/as nos deu.
Dende o BNG de Lourenzá durante a campaña electoral comprometémonos a que pasase o que pasase tentaríamos facer unha política máis próxima no día a día cos veciños/as e aínda que contaremos só con 2 concelleiros, ese compromiso non ficará no aire e traballaremos dende unha oposición responsábel que mire cara a diante e que pense no ben común para facer do noso concello un lugar mellor e máis cómodo para a vida de todos/as.
É por iso que cremos necesario expor 5 medidas que deben ser acometidas durante os primeiros 100 días de mandato da nova corporación municipal , medidas que se afastan de intereses partidistas, e como non pode ser doutra forma atenden as inquedanzas que a veciñanza nos demandou durante os últimos meses.
1ª Arranxo dos principais viais do concello :
Os viais do concello precisan dunha actuación, poderiamos dicir, a gran escala. Comprendemos a dificultade de acometer tal obra cunha marxe de tempo tan curta, máis un comezo sería arranxar os viais que atravesan o centro de Santa María (Travesía da Mariña – Avenida de Mondoñedo…). É de vital importancia dar unha imaxe de concello coidado para facelo máis atractivo a visitantes e veciños e crear así unha base de traballo cara a fomentar o turismo.
2ª Limpieza de cunetas e viais nas parroquias .
Os viais de todo o concello precisan dunha maior dedicación na súa limpeza,
entendemos que durante a época da primavera/verán o tractor municipal debe traballar máis horas, e non só pola maña. A contratación doutro operario que realice esa labor tamén durante o horario de tarde é de vital importancia para ter as parroquias debidamente atendidas.
3ª Punto atención a agricultores e gandeiros.
É necesario que o equipo de goberno cre un punto de atención a agricultores e gandeiros no concello. Nun mundo cada vez máis informatizado e cunha poboación cada vez máis envellecida, encontramos que moitos veciños/as non saben como realizar os trámites necesarios coa administración e chegan a perder así oportunidades para darlle ós seus negocios un maior dinamismo. Debemos coidar do noso agro e da nosa cabana gandeira como motor económico para o noso concello e como sinal de identidade da Galiza do rural. Este punto de atención debe ser un pilar de apoio, tanto informativo como efectivo, para todos aqueles veciños/as que o precisen á hora da realización de trámites administrativos.
4ª Servizo madrugadores.
É de gran importancia e interese común a creación dun servizo de madrugadores na gardería e no colexio público. Galiza enfróntase a unha grande crise que a Xunta parece que non quere ver xa que nada fai para remediala, co agravio que lle supón o rural galego. A crise demográfica é un rodillo que está a pasar polas vilas do interior e temos que tentar
pórlle freo. Dende as corporacións locais temos que traballar para que as nosas vilas sexan atractivas para que as parellas de xente moza que queiran ter nenos/as non se vexan obrigadas a marchar a vivir a concellos limítrofes con máis oportunidades. O servizo de madrugadores axuda a conciliación da vida persoal coa laboral e axuda así ós proxenitores que teñen grandes problemas para poder traballar e deixar ben atendidos os seus meniños.
5ª Apertura do ximnasio municipal.
Lourenzá ten a gran sorte de contar cunhas escolas deportivas con gran
recoñecemento no país, os nosos deportistas levan o nome da vila e déixano ben alto alí por onde pasan. É por iso que debemos seguir a potenciar a vía do deporte, por unha banda dar a coñecer o concello fora da nosa comarca e por outra que os nosos mozos/as medren nos valores do deporte. Por estes motivos deben poder contar cun ximnasio municipal que lles axude a completar os seus adestramentos. Así como darlle un espazo a todo veciño/a
que desexe facer exercicio, que poida facelo na súa vila sen necesidade de desprazarse a outros concellos limítrofes.

Exit mobile version