Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove censura un grave erro do goberno local nas redes sociais

 Xove 12-7-19. Paro o BNG, ao Partido Popular semella quedarlle grande tanto a xestión do goberno local coma a das redes sociais. Estano a demostrar na falta de dilixencia ao tramitar o Plan Concilia, cun retraso que resulta enormemente prexudicial para a conciliación persoal e laboral das familias xovenses, e tamén no referente á falta de seriedade a respecto do recoñecemento das actividades internacionais das asociacións municipais.

Dende a páxina oficial denominada “Concello Xove” no Facebook, o executivo do PP deulle os parabéns á Asociación Cultural Saíñas pola súa participación na 48ª edición do Festival Intercéltico de Lorient. O malo é que a felicitación chega xusto con un ano de retraso, xa que o grupo folclórico participou no Festival de Lorient en representación da nación galega no mes de agosto de 2018. Esta barbaridade publicada polo Concello foi borrada na mañá de onte para evitar o escarnio público ao que estaban sendo sometidos os populares.

No BNG entenden que o PP comete un erro de libro apoderándose de todo o que ten a ver con Xove. Xosé Hermida, portavoz do Grupo Municipal Nacionalista, insistiu no feito de que «no noso concello fanse moitas cousas nas que non participa o goberno local, ou participa de forma anecdótica». Dende o Bloque recalcaron que incluso existen actividades que se organizan a nivel particular ou por outras administracións, actos que realizan as pequenas e medianas empresas, e tarefas que se coordinan a través das obras sociais de diferentes entidades tanto públicas como privadas.

Hermida quixo salientar que as asociacións e clubes deportivos, e a sociedade xovense en xeral, actúan con independencia, saíndo adiante grazas ao traballo desinteresado da veciñanza e co lóxico apoio das diferentes administracións públicas. «Estas entidades non son propiedade de ningún goberno», afirmou o voceiro nacionalista, «senón que son patrimonio da sociedade en xeral».

Por esta razón, dende o BNG de Xove amosaron o seu orgullo polas actividades dunhas asociacións e clubes que «merecen todo o noso respecto e, no caso dalgunha equivocación cometida polas institucións, as nosas inmediatas desculpas».

Exit mobile version