Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello, Ledicia e A Moncloa farán este sábado, promoción da Feira do Bonito, da pesca e de Burela en Salamanca

 Burela, 19 de xullo de 2019. O Concello de Burela promocionará mañá en Salamanca a Feira do Bonito. O acto terá lugar no Centro Galego a partir das seis e media da tarde. Ata a cidade salmantina viaxará unha delegación de arredor de 30 persoas do Concello, da asociación A Moncloa e da Sociedade Cultural Ledicia. O obxectivo é dar a coñecer esa cita gastronómica, declarada de interese turístico nacional hai uns días, así como a pesca e os atractivos turísticos de Burela. En Salamanca haberá tamén unha degustación de bonito.
O alcalde, Alfredo Llano, lembrou que “imos ata Salamanca, ao Centro Galego, para facer unha presentación do que é a nosa Feira do Bonito, do que é Burela, a nosa pesca e a feira Produart. Facer unha exposición do que consideramos moi importante para que a xente o coñeza e veña a visitarnos en canto poida. O acto comezará ás seis e media, e xa teñen confirmada a asistencia xente da Universidade, do Concello de Salamanca, algún escritor e algún artista. Invitamos a todo o mundo para presentar a nosa proposta turística e de degustación do bonito, facendo fincapé no interesante que é consumir pescado e imos expoñer con toda claridade como se fai a pesca no noso concello. Despois haberá unha degustación, de sete a nove, tamén no Centro Galego”. Os pratos vanse preparar nun coñecido restaurante, pero serán servidos e saboreados no mesmo Centro Galego. Vinte son os quilos de túnido que Absa envía a Salamanca para este acto.
O rexedor pensa que “é importante que toda a xente que se achegue teña unha idea clara do que é A Mariña, o Cantábrico que baña a costa lucense e do que é Burela. Levamos dípticos, revistas e todo aquilo que pensamos que é bo para que quede no Centro Galego e que nos dea unha visibilidade que a partir de agora temos que coidar porque ter o título honorífico de festa de interese turístico nacional penso que vai ser moi importante cara ao futuro para o noso concello”.
Llano engadiu que “imos representantes do Concello e das asociacións Ledicia e A Moncloa. Espero que as exposicións que fagan Ledicia e A Moncloa sexan interesantes para que a xente colla unha idea clara do que é o noso concello en cuestión de pesca e tamén no que non é a pesca”.

Exit mobile version