Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro pide que se lle garanta a todos os concelleiros o dereito de acceso á documentación necesaria para o desenvolvemento das súas funcións

 Viveiro, 12 de xullo, 2019. O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro pedirá no próximo Pleno da Corporación local, a través dunha moción, que se garanta o dereito que teñen todos os concelleiros e concelleiras dos diferentes grupos políticos de acceso á arquivos, rexistros, expedientes e demais documentación que se atope nas oficinas municipais, así como o dereito a participar nos asuntos públicos.

Os populares levan esta iniciativa ao Pleno conscientes da necesidade de “estar ben informados” para cumprir coa función que lles foi encomendada de xeito democrático. “Dende a nosa posición de velar polos intereses dos nosos veciños e veciñas, entendemos que o dereito ampara por igual a todos os concelleiros e concelleiras, tanto aos que estean no Goberno como na oposición”, precisan.

O Grupo Municipal do PP local motiva esta petición nas dificultades ou trabas que existen para acceder á documentación como consecuencia “nalgúns casos da escasa ou nula vontade de facilitada, noutros pola necesidade de actualizar o Regulamento Orgánico do Pleno do Concello e adaptalo á normativa actual e mesmo noutras ocasións, por exemplo, polo exceso do volume do expediente a fotocopiar que foi solicitado”.

Un dereito fundamental
Dende o Grupo Municipal Popular expoñen que é un dereito fundamental, “ter acceso á información do rexistro e expedientes que obran nas oficinas municipais, así como ás copias de calquera dos documentos, para poder exercer con liberdade e transparencia as nosas funcións”, tal e como está amparado no artigo 23 da vixente Constitución”.

Por iso, os populares consideran “necesario” que, no caso de non existir normas locais que regulen este dereito de acceso á información, se proceda a constituír unha Comisión que teña a función de modificar o Regulamento onde se establece a dispoñibilidade dos concelleiros de acceso á información e rexistro dos documentos municipais.

Normas locais
Mentres non se actualicen ou se creen estas normas locais, o PP pide na súa moción que “se facilite o traballo dos concelleiros e concelleiras”, tal e como se establece no artigo 77 da LBRL e se completa no Real Decreto 2568/86 de 28 de novembro.

Deste modo, “non ten que ser necesaria a xustificación da petición de documentación, nin esta falta de especificación pode servir de base para a súa denegación”. Polo contrario, engaden, “é carga do Goberno Municipal probar que a finalidade perseguida polos peticionarios da información e outra distinta da que vincula o dereito de información dos edís”.

Tamén demandan que “na medida do posible, que as peticións se refiran a documentos concretos, para evitar situacións abusivas capaces de paralizar a actividade municipal”. Ademais defenden que o acceso a información requirida pódese facilitar a través de acceso a soportes informáticos, directos de todos a cada un dos edís dos grupos políticos.

O acceso á documentación deberá realizarse no prazo legal establecido, “e cando o volume da petición impida o seu cumprimento, motivarase por escrito tal condición, ofrecéndose de maneira gradual e progresiva”.

Exit mobile version