Site icon Crónica3.com A Mariña

OPP Lugo organizou unha xornada sobre a eficiencia enerxética nos buques pesqueiros

 Burela, 18 de xullo, 2019. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo organizou, en colaboración con Armadores de Burela, un obradoiro sobre a eficiencia enerxética nos buques pesqueiros. A xornada tivo lugar durante a mañá do xoves 18 de xullo no salón de actos de ABSA, no porto de Burela.
O xerente da OPP-07, Sergio López, e o xefe territorial da Consellería do Mar, Pablo Fdez. Asensio, abriron a xornada. Según Sergio López “organízase este obradoiro para estudar a mellora na estrutura dos custes de explotación do barco. Se o custe de persoal varía de media entre o 35 e 50%, segundo as modalidades pesca, está claro que reducir os consumos é un obxectivo prioritario dos nosos socios”.
Pablo Fernández explicou as liñas de axudas que ofrece a Xunta de Galicia
para a eficiencia enerxética, así como a Regla N+3 prevista no Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, ademais de poñer a disposición dos armadores os servizos da Consellería do Mar para estudar a subvencionalidade das súas posibles inversións de mellora.
A continuación comenzou o primeiro bloque de ponencias, adicado á
EFICIENCIA ENERXÉTICA NOS BUQUES PESQUEIROS, no que José Ramón Antón, da Inxeniería Naval Faustino Carceller presentou unha “Introducción á eficiencia enerxética no deseño dos novos buques pesqueiros” e realizou unha “Análise de diferentes sistemas de propulsión”. Para Antón “o obxectivo xeral é buscar o aforro en combustible, tanto para reducir gases contaminantes como os custes de explotación. Os custes de inversión son maiores inicialmente, pero o aforro e beneficio, tanto ambiental como económico, lógrase a medio e longo prazo”.
Pola súa parte, Adrián Sarasquete, xerente e director técnico da firma Vicus Desarrollos Tecnolóxicos, presentou “Melloras na Hidrodinámica: formas e apéndices. Propulsores e timóns adaptados ao deseño do buque”, expoñendo os beneficios da análise hidrodinámica en canto á propulsión e comportamento do buque no mar. Sarasquete, que amosou exemplos de tecnoloxía segundo as distintas modalidades pesca, defendeu que “unha mala decisión por abaratar a inversión pode supoñer un custe moito maior ao longo de toda a vida do buque”.
Tra-la pausa de media mañá comenzou o segundo bloque da xornada, adicado á TECNOLOXÍA E MANTEMENTOS dos buques. José Luis Fernández e Martín Queijas, de Cofrico, presentaron “Cofriview 365, eficiencia enerxética e mantemento predictivo”. Para José Luis Fernández “hai un cambio do modelo de negocio con respecto ao mantemento, que pasou de ser correctivo a predictivo: antes todo se facía presencial cando agora ata o 70% do traballo se realiza xa vía online”. A eficiencia enerxética significa minimizar o cambio climático e promover a instalación de gases refrixerantes naturais para lograr uns consumos adaptados.
Para finalizar a xornada, Carlos Groba, responsable da Área TIC de Marine
Instruments, presentou “Tecnoloxías innovadoras para unha pesca eficiente e
sostible”, defendendo que coa axuda do software pódense conseguir aforros
importantes para unha pesca eficiente e sostible debido á importante redución de rutas.

Exit mobile version