Site icon Crónica3.com A Mariña

Yanes Ginzo expresa o seu desexo de deixar a presidencia do PP de Trabada, posto que desempeñou durante 18 anos

 Trabada, 3 de xullo, 2019. José Manuel Yanes Ginzo vén de comunicar á dirección do Partido que quere deixar paso para que outra persoa asuma a presidencia do PP de Trabada. Trátase dunha decisión persoal que xa foi comentada con anterioridade, e coa que o popular pon fin a case dúas décadas como responsable da agrupación local.

Concretamente, Ginzo asumiu a tarefa de dirixir o PP en 2001, cargo que desempeñou ata a actualidade. Agora será unha xestora, tal e como indican os estatutos da formación azul, a que tomará as rendas da agrupación ata que se nomee novo presidente. Os integrantes deste órgano sucesor serán designados proximamente pola dirección provincial.

Neste senso, Elena Candia agradece a Ginzo “tantos anos de traballo e implicación co Partido, sendo un referente no Partido Popular da Mariña”. Proba delo é que o popular foi alcalde durante 24 anos, dende 1991 ata 2015. Tamén foi deputado provincial durante dez anos (lexislatura 2007-2011, lexislatura 2011-2015 durante os anos 2013-2015 e lexislatura 2015-2019).

“Ginzo foi un excelente alcalde e un excelente compañeiro na Deputación, polo que só teño palabras de cariño e de agradecemento hacia el. Agora iniciaremos o proceso para renovar a presidencia, buscando aos mellores para fortalecer o Partido en Trabada e traballar polos intereses dos veciños”, conclúe a popular.

Pola súa banda, Ginzo ponse a disposición da dirección para facilitar o relevo “e axudar no que faga falta”. “A nivel persoal chegou o momento de deixar paso. Fágoo convencido porque toca vivir outra etapa na miña vida. Con todo, seguirei estando aí porque, por riba de todo, son un home de Partido”, afirma.

Exit mobile version