Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha, a través do Igape, un programa pioneiro co que se busca impulsar a contratación de mozos e mozas de ata 35 anos no eido da Industria 4.0

Lugo, 26 de agosto de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha, a través do Igape, un programa pioneiro co que se busca impulsar a contratación de mozos e mozas de ata 35 anos no eido da Industria 4.0.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta iniciativa está destinada á especialización e o acceso ao mundo laboral das persoas recentemente tituladas, en concreto, aquelas que conten con titulación universitaria ou de técnico superior de formación profesional (FP) e unha experiencia inferior aos dous anos.

“O programa nace cun triplo obxectivo: reter talento na Comunidade, favorecer o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza e apoiar o tecido empresarial”- dixo Balseiro.

Empresas, autónomos e asociacións empresariais
A través desta liña de axudas, dotada con dous millóns de euros, incentivarase a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis empregados e as asociacións, fundacións ou clústeres, para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo na Industria 4.0.

A porcentaxe da axuda que ofrece a Xunta poderá acadar o 75% da retribución bruta que perciba a persoa contratada, cun límite de ata un ano de duración. Cada entidade beneficiaria poderá optar a un máximo de cinco contratos incentivados. A retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa contratada non será inferior aos 19.000 euros.

As iniciativas de mellora poderán desenvolverse en áreas tan variadas como a optimización financeira, a profesionalización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación efectiva de tecnoloxía, entre outros.

Ata o 7 de outubro
O prazo de solicitude para optar a estes apoios rematará o próximo 7 de outubro, tanto para as empresas interesadas en beneficiarse deste programa, como tamén para as persoas recen tituladas, que deberá darse de alta na base de datos do programa accesible na web do Igape.

A iniciativa enmárcase na nova Axenda 4.0, para cuxo desenvolvemento a Xunta destinará 350 millóns de euros entre 2019 e 2022 e que ten como principais obxectivos anticiparse aos cambios do novo modelo, aumentar o tamaño das empresas, favorecer a aposta polo talento dixital e contribuír á reinvención do tecido industrial galego e á súa especialización desde o punto de vista tecnolóxico, retos todos eles que se poderán lograr a través do novo programa.

Exit mobile version