O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que o prazo de execución é de tres meses e o orzamento da obra ascende a 166.200 euros. Os traballos consistirán na retirada da terra acumulada sobre o xacemento e o restablecemento ao seu estado inicial, atendendo á solicitude realizada pola Dirección Xeral de Patrimonio. O material retirado será recolocado na marxe esquerda da estrada Celeiro-San Cibrao, onde será integrado paisaxísticamente.
De xeito complementario, durante esta intervención realizarase un estudo arqueolóxico máis en profundidade dirixido á posta en valor deste espazo. A investigación arqueolóxica preliminar permitiu deducir que o xacemento presenta unha estrutura arquitectónica prehistórica de planta circular (henge) e cuxa cronoloxía se remonta, cando menos, á Idade do Bronce tardía.
Esta tese queda confirmada por variedade de evidencias estruturais exhumadas que indican a creación dun espazo circular ben delimitado. A este carácter construtivo hai que sumar o carácter ocupacional do recinto, ratificado, entre outras evidencias, polos materiais localizados (basicamente fragmentos cerámicos), os cales remiten de novo á fase media e final da Idade do Bronce.