Site icon Crónica3.com A Mariña

“Desleixo S.A.”, por Francisco Luis R. Guerreiro

Teño para min que se os descendentes do capitán Xoán Dutton e Aguiar, fillo de Dutton o Vello, se achegasen un día destes desde Inglaterra até Covas, habían comprobar o desleixo no que está desde hai ben tempo o antigo pazo de Grallal.
O portalón da entrada principal, o que linda con Inglaterra mar por medio e que sae fotografado nas guías do Concello de Viveiro ten, no frontón, o relevo do busto de Dutton oculto pola hedra. A ambos os lados da porta hai dúas bólas decorativas, unha delas, a da esquerda, está fendida e arrombada na entrada desde hai moitos meses sen que ninguén lle bote unha man para a restaurar. En resume: a desidia, o descoido, a incuria ou como prefiran calificalo, na mesma entrada dun edificio singular.
O da S. A. ( Sociedade Anónima ) do título é porque un servidor non foi quen de poder concretar o nome dos socios responsábeis de tal abandono. Tamén podería levar un S. L. (Sociedade Limitada) que, neste caso, indicaría a nula disposición—unha limitación en si mesma—que están a demostrar os responsábeis de manter en bo estado a entrada deste Ben catalogado e –teríamos que supór—protexido por Patrimonio. Ou se cadra, as siglas máis acaídas para o nome desta empresa, poderían ser o C e o B (de Comunidade de Bens). En fin, sexa como for, o que teño clarísimo é que isto é unha neglixencia e unha vergoña. Ou non?
Quen ten que tomar medidas para que remate esta vergoñenta situación? A señora alcaldesa?, a concelleira de Turismo?, o concellleiro do Mar ( por aquelo do “mar por medio”)? , os de Patrimonio da Xunta?, o señor bispo de Mondoñedo?, o ex cura párroco de Covas?, un familiar de…?, esta ou aquela ONG?. Simplifiquemos: esta é unha situación doada de amañar cunha retirada da vexetación que tapa a entrada principal, unha reparación da peza ornamental, un adecentamento da aferruxada porta…
Que pasten no pomar ovellas e cabras, que trote polos xardíns un cabaliño ou que anden ceibos cans e gatos, é o de menos. Animaliños desta caste xa os había nos tempos de Dutton. Mais sexa quen sexa o responsábel de tal deixamento isto hai que resolvelo. E mentras non se faga poden ir pondo a remollo as guías turísticas de Viveiro até que se repare isto, non vaia a ser que guiados por elas as visitas que se acheguen até o portalón de Grallal leven unha desagradábel surpresa.

Exit mobile version