Site icon Crónica3.com A Mariña

O repintado da vía completa as obras de mellora da travesía de Alfoz, nas que a Xunta investiu 180.000 euros

 Alfoz, 28 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade concluíu as obras de reforzo do firme executadas nas últimas semanas para mellorar a seguridade na travesía de Alfoz (A Seara) e noutros treitos da estrada LU-160 entre Adelán, neste mesmo concello, e Ferreira do Valadouro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou este mediodía a travesía, na que se está a levar a cabo o repintado da sinalización horizontal na totalidade da travesía. Os traballos completaranse en dous días, sempre que as circunstancias meteorolóxicas sexan favorables.

Deste xeito quedará finalizada a actuación, que contou cun orzamento de 180.000 euros para actuar entre os puntos quilométricos 14 e 19 da estrada, nos termos municipais de Alfoz e O Valadouro.

Na travesía de Alfoz a actuación foi completa e incluíu a extensión dunha nova capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente en toda a lonxitude (1,1 quilómetros).

Noutros puntos do percorrido entre Adelán e Ferreira do Valadouro realizáronse fresados localizados nas partes da vía co firme máis deteriorado e procedeuse á reposición posterior da calzada con mestura bituminosa a carril completo.

A Xunta impulsa estes traballos co obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións co fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionarlles aos usuarios unhas vías cómodas e seguras.

Exit mobile version