Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan ao PP de utilizar aos traballadores e traballadoras de Alcoa

 Lugo, 28 de agosto de 2019. A Secretaria Provincial Socialista e Deputada Autonómica, Patricia Otero afirmou hoxe que “o PP esta botado completamente ao monte sobre o tema de Alcoa, ademais, a súa irresponsabilidade esta comprometendo tamén a imaxe da propia Xunta, xa que tamén a somete aos seus xogos partidistas”. Otero fixo esta afirmación tras as declaracións realizadas polo PP diante da empresa en San Cibrao.

Otero remarcou que “coa convocatoria da roda de prensa ás portas de Alcoa, o PP amosou unha imaxe dun partido que non esta preocupado polos intereses dos traballadores e traballadoras, e que tenta valerse deles para sacar tallada política de xeito sectario”.

A secretaria provincial socialista cualificou como “penosa a imaxe que ofreceron os dirixentes do PP, e fainos preguntar, onde estiveron durante os 7 anos de Goberno do Partido Popular?”. Dixo tamén que durante toda esta etapa “non se fixo absolutamente nada polos traballadores de Alcoa aos que agora o PP, tenta sen moito éxito, utilizar”, insistiu.

“O PP de Candia e de Balseiro é o mesmo que durante eses anos permaneceu pasivo, sen unha soa medida destinada a solucionar nin un só dos problemas que afectan ás industrias radicadas en Galicia. É o mesmo PP que suprimiu o Ministerio de Industria. O que non puxo en marcha nin unha soa iniciativa para solucionar nin un só dos problemas que afectan aos traballadores e traballadoras e as súas familias”, espetou.

Pola contra sinala que o Goberno de Pedro Sánchez fixo máis sobre o mantemento de Alcoa nestes meses que o PP en anos. “Agora é cando se están abordando medidas para asegurar a continuidade do emprego dos traballadores da factoría. Fíxose coas factorías de Avilés e A Coruña, ademais, púxose en marcha xa unha estratexia de aforro para os consumidores electrointensivos que sen dúbida mellorará a situación de Alcoa en San Cibrao, sentando as bases para asegurar o emprego”, avanzou Otero.

A actitude do PP neste proceso é a irresponsabilidade
A secretaria provincial socialista replica “cal é a actitude do PP diante de toda esta situación?, a irresponsabilidade”. E prosigue coas súas criticas “dedícanse tan só a intentar a poñer paus na roda das solucións, intentando sementar inquietude entre os traballadores. A grotesca imaxe que nos regalaron ás portas de Alcoa exemplifica a imaxe dun partido entregado á demagoxia, e sen aportar nin unha soa solución, solo fotos e posados”.

Patricia Otero sinala que “o liderado provincial desesperado de Candia chega ás portas de Alcoa utilizando as preocupacións dos traballadores e da súas familias. E o que é máis grave, coa presenza do Delegado da Xunta na provincia nesta convocatoria, confirmándose así que a Xunta desenténdense dos problemas dos traballadores para valerse deles de xeito indecente”, resumiu.

“A semana pasada Candia xa recibiu unha lección do Presidente da Deputación ao seu burdo intento de levar a confrontación a unha institución que atopou o camiño da estabilidade. O bochorno polo súa actuación foi compartido polos seus propios compañeiros”, concluíu Otero.

Exit mobile version