Dacordo con este informe, Lugo continúa a ser a provincia galega con mellora taxa de criminalidade e ademais, no primeiro semestre de 2019 diminuiron un 0,4% as infraccións penais rexistradas na provincia respecto do mesmo período do ano anterior.
En canto á taxa de criminalidade, entre xaneiro e xuño Galicia mantívose como a cuarta Comunidade Autónoma máis segura de España e Lugo, con 22,8 infraccións penais por cada mil habitantes, tivo as mellores taxas de Galicia. A continuación figuran Ourense (25,8), Pontevedra (30,9) e A Coruña (32,1).
Nos seis primeiros meses do ano, rexistráronse na provincia de Lugo 3.478 infraccións penais, 13 menos que no mesmo período de 2018. A subdelegada destacou que descenderon todos os delitos relacionados con roubos. Así, baixaron un 33,9% os roubos con violencia e intimidación (39), un 24,7% os roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións (213) e, en concreto, os roubos con forza en domicilios (132) baixaron un 33%. En canto aos furtos, o descenso foi do 4,2%.
Isabel Rodríguez lamentou que aumentaron, en cambio, os delitos relacionados coa liberdade e indemnidade sexual, que experimentaron un incremento do 23,85% no primeiro semestre deste ano ao rexistrarse 26 delitos destas características na provincia. A subdelegada aproveitou para lembrar a necesidade de denunciar calquera ameaza ou agresión deste tipo.
CONCELLO DE LUGO
Tamén destacou a subdelegada que a favorable evolución da criminalidade na capital da provincia, pois rexistrouse un descenso do 2,2% nas infraccións penais. No primeiro semestre deste ano foron 1.452 mentres que no mesmo período de 2018 computáranse 1.484.
No municipio de Lugo, os roubos con violencia e intimidación (27) diminuíron un 30,8% e tamén baixaron un 13,7% os roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións (63). O descenso foi do 25% no caso dos roubos con forza en domicilios (36). Igual que no resto da provincia, no concello de Lugo produciuse un aumento nos delitos contra a liberdade e indemnidade sexual. Neste caso, houbo 12 infraccións penais rexistradas o que supón un incremento do 9,1%.