Site icon Crónica3.com A Mariña

“Ante a emerxencia climática”. Manifesto libreiro

A comunidade científica leva décadas advertíndonos das nefastas consecuencias que os seres humanos provocamos na biosfera, e xa que logo, da deterioración nas condicións que fan posible a calidade de vida dos propios humanos. Nos últimos anos ditas advertencias son cada vez máis alarmantes e urxen a actuar para previr puntos de non retorno. A ONU, a través de diversos organismos, emitiu informes sobre o cambio climático, a perda de biodiversidade, a necesidade do cambio de dieta da poboación humana, a desertización e a falta de auga potable, a invasión de plásticos nos mares, etc. En todos eles constátase a urxente necesidade de cambiar o noso sistema socioeconómico, baseado en usar e tirar, e a forma de vida consumista da parte rica da humanidade (xa que outra parte importante non ten cubertas as súas necesidades básicas), de querermos seguir gozando das acolledoras condicións que nos proporciona o noso planeta Terra. Xa non se trata só de respectar e valorar as outras formas de vida, trátase de evitar o colapso civilizatorio.
Despois do valioso, aínda que pouco escoitado, traballo das organizacións ecoloxistas durante moitos anos, facéndose eco do coñecemento científico e tratando de lograr cambios cara á sustentabilidade, por fin parece que a sociedade está comezando a tomar conciencia da magnitude dos problemas que afrontamos. Hai cada vez máis síntomas, especialmente na actitude das xeracións novas, de que os temas ambientais van ocupando un lugar máis central nas preocupacións cidadás. Un deles é a convocatoria dunha folga mundial polo clima para o día 27 de setembro, que sirva de potente toque de atención aos gobernos e á cidadanía no seu conxunto, e de chamada á acción.
O mundo da cultura, a industria do libro e as librarías non debemos inhibirnos destes avisos. É máis, o que a nosa actividade representa: a comunicación e transmisión da arte, a literatura e o coñecemento a través dos libros, obríganos a asumir a responsabilidade de axudar a divulgar a mensaxe máis potente e necesaria que xorde hoxe en día: estamos en emerxencia climática e ambiental, e temos que tomar as medidas necesarias canto antes se queremos evitar ou cando menos atenuar o desastre. Sabemos o que hai que facer, o problema non é tanto técnico coma social. Necesitamos un cambio cultural profundo, que redefina o que é a boa vida e que nos impulse colectivamente a afrontar o reto do cambio necesario. Esta mensaxe está dirixida a toda a sociedade e en todos os seus niveis: individual, familiar, de colectivos e comunidades diversos, de cada actividade económica e sector de interese, de cada administración e de todos e cada un dos poderes públicos, e sen distinción de credo, status ou nacionalidade. Todo o mundo ten que asumir a súa responsabilidade e acometer a súa angueira, ninguén pode facer oídos xordos. A sociedade penalizará sen dúbida a quen evite cumprir a súa parte.
As librarías españolas queremos cumprir a nosa parte, e para iso comprometémonos a crear un grupo de traballo para estudar, co resto de axentes da industria do libro e en colaboración coas librarías doutros países, que medidas poden e deben tomarse no noso sector para contribuír na tarefa de diminuír o impacto da nosa actividade sobre o medio. Cremos firmemente no valor do que a cultura, os libros e as librarías achegamos á sociedade, pero tamén somos conscientes de que é imperativo contribuír á gran tarefa do noso tempo: atopar o equilibrio da humanidade co noso fermoso planeta.

Exit mobile version