Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobada a moción presentada polo BNG para elaborar unha ordenanza de protección contra a contaminación acústica

Viveiro, 13 de setembro, 2019. A moción presentada polo BNG neste último pleno para elaborar unha Ordenanza de Protección Contra a Contaminación Acústica, na que se limiten as actividades xeradoras de ruído nocturno e se declaren as rúas máis conflitivas do casco “zona acústicamente saturada”, foi aprobada despois de acordarse en pleno a votación por separado de cada un dos puntos da mesma, xa que algún dos grupos da corporación municipal discrepaban nalgúns deles, aínda que no resultante foron aprobados os 7 puntos da moción, onde a abstención é aclaratoria e determinante para algún partidos políticos, en especial, o do goberno municipal.

A aprobación desta moción permitirá elaborar unha nova ordenanza onde o goberno municipal teña que actuar e deixar de escudarse nunha normativa municipal desactualizada, como é a Ordenanza Municipal de Policía e Bo Goberno do ano 1996, xa que é obriga do concello velar en todo momento tanto pola saúde da súa veciñanza como pola do medio ambiente así como pola protección dos espazos públicos, debendo prevalecer isto fronte a aquelas actividades que están a xerar un problema de contaminación acústica nas zonas residenciais, provocando un efecto negativo ao descanso e a calidade de vida das persoas nelas residentes.

Estes foron os resultados da votacións, sin votos en contra en ningún dos puntos:

A favor: BNG, PP, PSOE, Por Viveiro.
Abstención: Son Viveiro.

A favor: BNG, PP.
Abstención: PSOE, Por Viveiro, Son Viveiro.

A favor: BNG, PP.
Abstención: PSOE, Por Viveiro, Son Viveiro.

A favor: BNG, PP, Son Viveiro.
Abstención: PSOE, Por Viveiro.

A favor: BNG, PP.
Abstención: PSOE, Por Viveiro, Son Viveiro.

A favor: BNG, PP, Son Viveiro.
Abstención: PSOE, Por Viveiro.

A favor: BNG, PP, PSOE, Por Viveiro, Son Viveiro.
Abstención: 0.

Estes son os puntos da moción que foron votados de xeito individual:

Elaboración dunha Ordenanza de Protección Contra a Contaminación Acústica en Viveiro, na que se limiten as actividades xeradoras de ruído nocturno e se declaren as rúas máis conflitivas do casco histórico “zona acústicamente saturada” e intervir para mellorar a calidade acústica medioambiental nas mesmas.

Promover e facilitar a apertura de negocios que desenvolvan actividades comerciais e económicas compatíbeis coa habitabilidade do casco.

Planificar e ordenar os usos dos edificios do casco.

Dotar a Viveiro de espazos culturais que garantan que a veciñanza de todas as idades poda disfrutar da música nos locais adaptados para tal uso.

Habilitar espazos públicos, coa protección e vixiancia necesaria, para as xuntanzas de esparcemento da mocidade.

Poñer en marcha campañas de concienciación da mocidade do uso responsábel dos espazos públicos.

Publicación na páxina web do concello da listaxe de locais de hostalería autorizadas e tipos de licencias concedidas (bar, cafetería, café, restaurante, café-bar especial, pub…) para darlle máxima transparencia das licencias outorgadas aos locais de ocio nocturno.

Exit mobile version