Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo pide a dimisión da conselleira de educación e da delegada territorial polo seu continuo desprezo ás familias do concello

 Cervo, 18 de setembro de 2019. O BNG de Cervo esixe responsabilidades á Consellería de Educación pola nefasta xestión do inicio do curso escolar no CEIP de Cervo e pide a dimisión da Conselleira de Educación, Carmen Pomar, e da Delegada Territorial de Educación, Mariña Gueimunde, polo desprezo co que están a tratar ás familias das nenas e nenos matriculados no centro. As crianzas aínda non puideron incorporarse a este curso académico nun edificio que segue sen contar cunhas mínimas condicións de seguridade e hixiene.
Diego Fernández, portavoz do BNG local e afectado na súa familia pola situación, denunciou que desde a Consellería de Educación non se informou correctamente do estado real do colexio nin se traballou para buscar solucións que permitiran o inicio do curso na data estipulada. En lugar diso, a Consellería culpabilizou ás familias dos trastornos no inicio do curso, acusándoas de estaren a mentir e a publicar nas redes sociais fotos e vídeos falsos. A Consellería tamén lles negou ás familias capacidade de acción e decisión, ao acusalas de ser marionetas dalgún partido político de esquerdas. Segundo Fernández, “as familias de Cervo non merecen unhas dirixentes que, non fartas con ser incapaces de reaccionar ante o atraso nas obras, dedicáronse unha e outra vez a culpabilizar e menosprezar ás familias e, incluso, a deixalas por mentireiras”. O concelleiro nacionalista afirma que “pedimos a dimisión de Pomar e de Gueimunde, porque unhas persoas con tanta capacidade de desprezo e falta de empatía coas familias e a comunidade educativa non poden ostentar ningunha responsabilidade relacionada coa educación”.
Fernández denuncia tamén que as únicas mentiras son as que conta a Consellería: non só mentiron ao dicir que o colexio estaba listo para comezar o curso, senón tamén ao insistir en que a comunidade educativa e as familias estiveron informadas en todo momento. Fronte a isto, o portavoz do BNG local destaca que “por Cervo non apareceu ningunha autoridade até o xoves pola tarde, momento no que a delegada territorial, Mariña Gueimonde, fixo unha fugaz visita na que non solucionou nada nin deu ningunha explicación, pero aproveitou para inventar que sufrira un ataque verbal, o cal que nunca se produciu, e espallar logo esa mentira de maneira pública polas redes sociais”.
A forza nacionalista lamenta, así mesmo, o silencio do alcalde Villares durante todo este conflito. O BNG recorda as fotos coa comunidade educativa que utilizou Alfonso Villares en plena precampaña electoral e bota en falta a defensa das familias cervenses ante o desprezo e os insultos dos responsable políticos do seu partido. Diego Fernández declarou que “unha vez máis, o alcalde Villares non soubo estar á altura do pobo de Cervo. Só se fai fotos cando benefician ao seu partido. Presume de ser o alcalde de todos, pero sempre antepón os intereses do PP aos de Cervo.”

Exit mobile version