Site icon Crónica3.com A Mariña

“O Grupo Municipal do PP de Ribadeo é o único que leva a Pleno unha moción en defensa da mellora do sistema municipal de abastecemento de auga”

 Ribadeo, 13 de setembro de 2019. “O Grupo Municipal do PP de Ribadeo é o único que leva a Pleno unha moción en defensa da mellora do sistema municipal de abastecemento de auga”. Así o manifesta o voceiro, Daniel Vega, salientando o interese dos populares por garantir aos ribadenses a calidade deste servizo básico tras rexistrar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria da Corporación ribadense.

Os edís populares recordan que “tanto o abastecemento como o saneamento son competencia municipal e é función do Goberno local buscar a maneira de acometer as obras necesarias a través da colaboración institucional, como sempre defendemos, e máis especialmente neste caso; xa que se trata dun proxecto de gran envergadura”.

Así, dende o Grupo Municipal Popular propoñen “recuperar os documentos técnicos elaborados no seu momento por Augas de Galicia para a mellora do abastecemento no municipio e, de ser o caso, completar o estudo; así coma “poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos precisos para o novo depósito e buscar o financiamento a través da colaboración institucional para dar solución os problemas de abastecemento que sofre o noso concello”.

“É unha vergoña que os ribadenses suframos problemas de presión de auga e roturas habituais das tubaxes de fibrocemento por onde discorre a auga da traída municipal canalizada dende o depósito de Vilarbetote pola falta de actuacións de Fernando Suárez que nos 16 anos que leva no Goberno local non se interesou por darlles solución”, manifesta Vega.

O popular recorda que “Suárez Barcia impediu a mellora do sistema de abastecemento no ano 2014 ao impedir o acceso ao terreo para a realización do estudo xeotécnico da primeira fase das obras dirixidas á construción dun novo depósito e non poñer ese terreo a disposición da Xunta cando Augas de Galicia, tras elaborar un estudo previo, dispoñía dos proxectos e dos fondos europeos e propios para financiar esta actuación que requiría dun investimento de 1,39 millóns de euros”.

“Tendo en conta que no actual período operativo, a UE non outorga fondos para o financiamento de obras de abastecemento, senón que prioriza o saneamento”; os populares recordan que “para levar a cabo as obras necesarias, tamén é posible solicitar apoio á Deputación Provincial que ten a obriga de axudar aos municipios de menos de 20.000 habitantes”.

Exit mobile version