Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial do BNG subliña que a disolución de Suplusa abre un “tempo novo no que a Deputación estará ao servizo da cidadanía”

Lugo, 12 de setembro de 2019.- O Grupo Provincial do BNG votou a favor do inicio do procedemento de disolución da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo (Suplusa) e da constitución dunha comisión para propor á Corporación un modelo de xestión alternativo.

No Pleno celebrado esta mañá, os deputados nacionalistas apoiaron a proposta da Presidencia ao considerar que coa tramitación da disolución da sociedade se “inicia un tempo novo no que a Deputación de Lugo estará ao servizo dos concellos e da cidadanía”.

Na súa intervención plenaria, o voceiro Efrén Castro argumentou que “Suplusa deixou de cumprir as súas funcións, converténdose nunha institución que se rebelou contra a Deputación e que en nada contribuíu á xestión encomendada”.

“Só pola imaxe pública que conseguiron que tivera a sociedade durante a pasada lexislatura habería que acordar a disolución, por unha cuestión de dignidade”, enfatizou Castro que explicou que a decisión concorda tamén coa posición defendida pola formación nacionalista de avanzar cara a supresión das deputacións.

O deputado sarriao sinalou que “comeza un proceso complexo no que o BNG se guiará polos informes técnicos e xurídicos, defendendo os dereitos das traballadoras e traballadores, como fixo sempre”.

As deputadas Mónica Freire Rancaño, Pilar García Porto e Antonio García López actuarán como persoas liquidadoras da sociedade con carácter mancomunado.

A disolución da sociedade mercantil foi unha das medidas incluídas no pacto de goberno para a lexislatura entre BNG e PSdeG.

Exit mobile version