Site icon Crónica3.com A Mariña

Patricia Otero acusa á Xunta de incumprir o mandato parlamentario para estudar o impacto da recollida de ourizo de mar mediante mergullo na Mariña e Ortegal

 Santiago de Compostela, 30 de setembro de 19. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, acusou hoxe ao goberno galego de incumprir co mandato parlamentario para estudar o impacto na poboación de ourizo da Mariña e Ortegal da extracción mediante mergullo con aire asistido dende a superficie. Otero presentou hoxe unha pregunta oral en Comisión parlamentaria diante das protestas das confrarías, que se ven prexudicadas por esta nova modalidade extractiva.

Otero lembrou que o acordo parlamentario para pedirlle ao goberno galego unha nova mostraxe imparcial e aleatoria data do pasado mes de marzo, dende o que deixaron pasar un verán con condicións climatolóxicas óptimas e a pesares do cal renunciaron a realizar o dito estudo. Advirte que deste xeito obrigan a aprazar as mostraxes ata o próximo verán, co que o próximo plan de explotación terá que ser asumido sen ter en conta as conclusións do dito estudo.

A parlamentaria socialista reclamou unha mostraxe aleatoria logo de que, tal e como denuncian as confrarías implicadas, a anterior fora realizada dende as embarcacións dos adxudicatarios da explotación do recurso con esta nova modalidade e nos lugares escollidos por eles mesmos. Chamou así a evitar que se repitan os episodios de escaseza deste recurso, evitando a sobreexplotación e o peche temporal obrigado dos bancos do equinodermo.

Hoxe hai 29 mariscadores a pé cun tope de extracción de 50 quilos diarios, co que retiran 1.480 quilos ao ano, ademais de que dependen ademais das mareas e da situación atmosférica. Sen embargo, hai 2 lanchas con 4 mergulladores que ademais de que non dependen das mareas e son menos sensibles ás condicións atmosféricas, poden retirar 80 quilos diarios por persoa, o que eleva a extracción a 6.480 quilos ao ano.

A parlamentaria da Mariña sinalou que “non estamos a pedir que se prohiba esta modalidade de extracción, senón que se faga unha mostraxe obxectiva e, en función dos resultados, decidan se a autorización de mergullo é factible ou non”. Reclamoulle ademais ao PP que “expliquen por que agora autorizan unha modalidade de recollida da especie que antes criticaban”.

Lembrou así ás iniciativas presentadas polo ex parlamentario do PP José Manuel Balseiro, que en 2011 e 2012 alertara do impacto negativo na especie das novas fórmulas de mergullo. A parlamentaria socialista explicou que o ourizo hoxe non se atopa en perigo, pero vén de sufrir etapas de peche, e a autorización desta modalidade de extracción pode esgotalo e prexudicar aos mariscadores a pé.

Exit mobile version