Na Casa do Mel de Goente o panel de catadores someteu as mostras participantes aos seus sentidos atendendo a unha análise visual, aromática, de sabor e sensación na boca coa finalidade de escoller as mellores. Desta volta houbo un total de trinta e dous participantes na categoría de meles claros e outros doce que competiron na de meles escuros.
Loli Lage gañou no concurso dos meles claros cun néctar monofloral de eucalipto recollido na parroquia viveirense de Galdo, e na de escuros cun monofloral de breixo apañado en Muras. Deste tipo de mel escuro, o de breixo, vénse facendo unha grande promoción na Feira do Mel de Montaña que se organiza dende hai catro anos no Viveiró polo Concello de Muras para dar a coñecer o excepcional produto das vinte e cinco explotacións apícolas do municipio.
A produción da gañadora é comercializada baixo o selo O Castelo, co que xa no 2015 logrou o segundo premio ao mellor mel claro e mais unha mención especial polo seu mel escuro de breixo. Ao ano seguinte, no 2016, conseguiu ser a gañadora tanto na categoría de mel claro como na de mel escuro, sendo esta a primeira vez que un mesmo apicultor acumulaba os dous máximos galardóns. No 2017 volveu ser finalista no concurso de meles claros e o pasado 2018 obtivo unha meritoria segunda posición no de meles escuros.
Esta é a segunda vez que Mel O Castelo acapara o primeiro premio nas dúas categorías, un logro do que unicamente pode presumir Loli Lage tras doce edicións desta prestixiosa cata que promove a Casa do Mel de Goente dentro das Xornadas Apícolas do Eume.